Inicio das Ligas LINCO LINORSA 2014 do SEIS DO NADAL – COIA

– Máis de 200 nenos e nenas reuníronse no Pavillón de Navia (Vigo) para dar o pistoletazo de saída a esta competición escolar.

– Un total de 21 equipos participarán nas novas edicións das Ligas Linco.

– A Liga Linco de Minibásquet cumpre a súa duodécima edición.

As Ligas Linco Linorsa, promovidas polo C.B. Seis do Nadal, regresan unha tempada máis ás pistas viguesas de Balaídos e Navia, sede esta última, precisamente, onde estas competicións interescolares viviron a súa particular posta en marcha o pasado venres, 31 de xaneiro.

Os 21 equipos inscritos que tomarán parte nas dúas Ligas Internas de Colexios deronse cita no indicado polideportivo de Navia para dar saída as competicións. Na 12ª Liga Interna de Colexios, dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos, participarán sete equipos benxamíns e oito equipos alevíns; sendo seis os combinados que, pola súa parte, darán vida á 5ª Linco Linorsa XL, dirixida a rapaces e rapazas infantís e cadetes de 13 a 16 anos.

Con máis de 200 xogadores e xogadoras procedentes das diferentes escolas deportivas organizadas e dirixidas polo club Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia (CEIP Seis do Nadal, CEIP Illas Cíes, CEIP Javier Sensat, CEIP Pintor Laxeiro, CEP Doutor Fléming e CEP C. Emilio Ferreiro; as tres escolas deportivas municipais de Berbés, Navia e Balaídos; e a escola convidade do CEIP Carrasqueira), as Ligas Linco vivirán nesta nova tempada dúas edicións cun alto nivel de participación.

A xornada inicial de presentación, na que se disputaron os primeiros partidos amigables do curso, tamén reuniu ao grupo de árbitros e oficiais de mesa das Ligas Linco, grupo formado por preto de 20 xogadores e xogadoras integrantes dos equipos federados de categoría infantil, cadete e júnior do Seis do Nadal – Coia que aproveitarán as competicións interescolares para formarse como árbitros de baloncesto.

A partir do próximo venres, día 7 de febreiro, dará comezo a competición oficial das Ligas Internas de Colexios. A primeira xornada da 12ª Liga Linco 2014 terá lugar no pavillón de Navia desde as 16:15 h e ata as 18:00 horas, sendo a celebración dos primeiros partidos oficiais da 5ª Liga Linco XL no polideportivo de Balaídos de 18:00 h a 19:00 horas.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram