“I Xornada de Harmonización”: Minibasket Galego por e para todos

A Federación Galega de Baloncesto vén de celebrar este domingo, 17 de marzo, unha das súas citas máis especiais no que vai de temporada 2012 – 2013.

Co Minibasket Galego como referente, levouse a cabo a “I Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”, concentrando no Colexio Manuel Peleteiro (Compostela) a un total de 151 xogadores e xogadoras, 84 adestradores e un elevado número de pais e responsables dos nenos.

Baixo o temón da área deportiva da Federación, esta “I Xornada” permitiulles a todos eles vivir, en primeira persoa, diferentes actividades nas que o Minibasket deixou clara a súa forza.

No ámbito teórico, a reflexión sobre a perspectiva educativa desta disciplina, así como a súa formulación metodolóxica, non deixaron indiferente a ninguén. Pais e adestradores tiveron a ocasión de escoitar e de falar, de transmitir as súas críticas e de expresarse en sentido construtivo.

No plano deportivo, as Seleccións Galegas desta categoría compartiron escenario cun total de 151 xogadores chegados de toda Galicia, que adestraron, e aprenderon, ás ordes dos técnicos colaboradores da FGB.

As sorpresas e os agasallos tamén tiveron oco, e chegaron en forma de visita, a dos obradoiristas Rafa Luz e Micky Stobart. Os xogadores ACB compartiron preto dunha hora con todos os nenos e nenas e fixeron gala da súa cercanía e simpatía. Responderon a todas as cuestións dos máis pequenos e mesmo se animaron a dar un pequeno exemplo do seu talento. Rafa Luz tentouno coas triplas e Stobart fixo o propio cun mate moi aplaudido.

Extraendo Conclusións
Esta I Xornada de Harmonización permitiu aportar unha visión enriquecedora e transversal do Minibasket, contando para iso coa voz e a experiencia dos diferentes actores protagonistas: xogadores, adestradores, pais e árbitros. A sucesión de acontecementos que presidiu todo o domingo demostrou que é prioritario para o minibasket galego o manter a súa frescura, e o seu peso como realidade específica, escoitando as ideas de todos os axentes implicados.

Agradecementos
Dende a Federación Galega de Baloncesto non queremos deixar de agradecer a todos os participantes a súa asistencia activa e o seu apoio a esta iniciativa tan particular, que agardamos sexa a primeira de moitas nas que poder contar tamén con todos aqueles que nesta ocasión non puideron estar presentes.

Así mesmo, desexamos recoñecer ao Colexio Manuel Peleteiro o seu apoio e colaboración, facilitando en todo o momento que as súas instalacións estiveran listas para atender todas as demandas deportivas e teóricas. A todos, grazas.

Disfrutemos aquí coa crónica en imaxes que nos deixou esta “I Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram