“I Día Autonómico do Pequebasket”: Participa!

Escola Basket Xiria, en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto; promove desde a vila de Carballo, pero con espíritu de expansión, o “I Día Autonómico do Pequebasket”, a celebrar nunha data tan especial como a do próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Orientado a xogadores e xogadoras de entre 4 e 8 anos, e coa novidade do “4×4” como formato de xogo, chega este “I Día Autonómico do Pequebasket”, marcado para o vindeiro 17 de maio, e que será, sen dúbida, toda unha festa do deporte para os xogadores e xogadoras máis novos.

O Pavillón Municipal Carballo Calero e as instalacións do CEIP Bergantiños serán sede para toda unha xornada (11.00 h – 19.00 h) na que os nenos e nenas galegos poderán desfrutar aprendendo, convivindo e xogando con compañeiros chegados de diferentes puntos da nosa xeografía.

Cun sistema de encontros “todos contra todos”, este “I Día Autonómico do Pequebasket” ofrecerá canastras específicas segundo a idade dos participantes de cada equipo, así como a presenza de monitores e preparadores físicos que guiarán aos rapaces antes de comezar o xogo.

Zona lúdica
Esta compoñente deportiva complementarase cun importante volume de actividades lúdicas e de esparecemento nas que poder rendabilizar o tempo libre entre partidos. Gozarase dun espazo repleto de inchables, unha área de educación vial e terreo reservado para actividades culturais relacionadas co 50 aniversario do Día das Letras Galegas, adicado a Roberto Vidal Bolaño.

Materializarase así un combinado especial de baloncesto e cultura posible grazas ao esforzo do club organizador e a colaboración da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Carballo e a hostalería local. Entre todos, farán do 17 de maio unha data a marcar para repetir en vindeiras ocasións.

Información e Inscrición
Escola Basket Xiria mantén aberto o proceso de inscrición para este “I Día Autonómico do Pequebasket” ata o vindeiro 30 de abril, data tope para enviar os formularios de inscrición ao enderezo eventos@fegaba.com

Nesta dirección de correo electrónico recibiranse as solicitudes de participación dos equipos que o desexen, así como aquelas consultas ou dúbidas referidas á actividade. As cuestións referidas á normativa de xogo, avituallamento e seguro deportivo poden confirmarse na FICHA INFORMATIVA que aquí se remite.

I Día Autonómico do Pequebasket – Formulario de Inscrición.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram