No marco da formación a novos adestradores de categorías Base, o Club Santo Domingo de Betanzos programa o denominado “I CLINIC SOLIDARIO PARA ADESTRADORES DE FORMACIÓN”, evento a celebrar o vindeiro 3 de xaneiro no Polideportivo Municipal desta localidade.
(Info: Santo Domingo de Betanzos) O club promotor, tras detectar unha crecente inquietude por parte dos seus adestradores máis novos, pon en marcha esta iniciativa, que conta ademais cun especial aliciente social.
Así as cousas, e vendo tamén o éxito de iniciativas formadoras na comarca en datas recentes, decide impulsar o “I Clínic” onde os seus adestradores de categorías de formación do club, con 20 anos de experiencia ás súas costas e máis dunha década no Santo Domingo intentarán transferir en pista, utilizando a xogadores das categorías inferiores do santo, os contidos que ao longo destes anos intentaron transmitir aos xogadores que a día de hoxe forman a realidade que é o Santo Domingo Betanzos.
O xefe dos servizos médicos do club de Betanzos, o DR. Díaz, impartirá unha charla sobre a problemática que se poden atopar en pista en canto a urxencias médicas os adestradores de formación, baseada na súa experiencia como ex xogador , médico do equipo na súa categoría EBA e actual médico do servizo de Urxencias do Hospital Modelo da Coruña.
A maiores, no documento que se achega detállase o Programa Concreto do Clínic que dará comezo ás 10:00 h.
Carácter Solidario
Este “I Clínic Solidario para Adestradores de Formación” este é un dos primeiros eventos deportivos con marcado aceno SOLIDARIO que se poñen en marcha. Non existe cota de inscrición para os novos adestradores, aos que tan só se lles pedirá a súa achega voluntaria de alimentos non perecederos, produtos que ao final da xornada se entregarán ao banco de alimentos da Cruz Vermella de Betanzos.
Para que a xornada sexa un éxito coa achega de todos e os que máis o necesitan reciban unha axuda do mundo do basket, os relatores entregarán tamén o seu tempo de forma totalmente desinteresada, así como o farán os xogadores do propio Santo Domingo.
Inscrición e Validación
O Club Santo Domingo de Betanzos solicita aos interesados que se inscriban vía mail a través do enderezo info@santodomingobetanzos.com, indicando nome, apelidos, DNI, club de procendecia no seu caso, titulación máis alta que se posúe ou que se está obtendo e se desexa asistir ao xantar cos relatores. Todo isto antes do luns, 29 de decembro.
Salientar que a validación formativa FGB tamén será habil neste “I Clínic Solidario para Adestradores de Formación”, o cal rexistrará a participación dos alumnos nos Cursos de Adestradores FGB cunha equivalencia de 8 HORAS FORMATIVAS.