“I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB”: recta final

O “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB” atravesa xa o seu último tramo. Co seu peche programado para este sábado, os xogadores e as xogadoras desfrutan dos seus últimos días de aprendizaxe nas instalacións da Residencia Aceimar. Pero, a pesar de estar preto do final, o ritmo de clases específicas, traballo técnico e visitas de caras coñecidas, non cesa.

Precisamente, a xornada deste xoves contou coa presenza da xogadora do R.C. Celta e vixente capitana da Selección Galega Sénior Feminina, Sara Gómez. A escolta, natural de Vilagarcía de Arousa, non dubidou en despregar o seu talento e compartir xogo cos nenos e nenas, deixando, grazas a súa naturalidade e calidade, o mellor sabor de boca.

O Capítulo de visitas deste “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB” péchase este venres coa presenza de Carlos Colinas. A experiencia do técnico leónes porase sobre a mesa a través dunha charla coloquio na que trasladarlles a todos novos detalles do traballo dun adestrador e xogador. A intervención de Carlos dará paso a unha tarde na que a competición, a través de diferentes formatos, será a gran protagonista.

Coas pistas da Residencia Aceimar a pleno rendemento, monitores e xogadores agardan a chegada do sábado: o fin de festa, coa presenza do presidente da FGB, Francisco Martín; o Vicepresidente Primeiro, Alberte Zato; e o Director Executivo da Delegación en Vigo, José Luis Pérez.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram