“I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB”: en marcha o proceso de inscrición

O “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB” abre no día de hoxe o seu prazo de inscrición. Nas mans de destacados profesionais e con todo disposto para ofrecer as mellores garantías, a FGB pon a disposición de todos os interesados a posibilidade, desde xa, de pasar a formar parte desta actividade, dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 15 anos e que conta con prazas limitadas.

Co total dos Seleccionadores Galegos en cartel, e con colaboracións e visitas máis que notables que achegarán todo un plus ao día a día, o “I Campus FGB” ofrece un atractivo modo de gozar do noso deporte. Traballo, seguimento técnico, adestramentos diarios, competición e diversión. Todo nun enclave perfecto: a Residencia Aceimar, en Vigo.

Esta primeira edición dobrará esforzos, establecendo dúas quendas de traballo, aos que optar en función da idade. En primeira instancia, entre o 30 de xuño e o 7 de xullo, traballarán os xogadores e xogadoras inscritos nados nos anos 1997, 1998, 1999 e 2000. E, nunha segunda etapa (do 7 de xullo ao 14) os protagonistas serán os mozos e mozas nados nos anos 2001, 2002, 2003 e 2004.

Os participantes terán á súa disposición un adestrador por cada 12 xogadores, monitores de tempo libre e responsables específicos que vixiarán a súa alimentación, hixiene, comportamento e descanso.

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS
Os detalles relativos ao proceso de inscrición, o cal vence o próximo 15 de xuño, atópanse a disposición de todos os interesados no tríptico que se achega. No mesmo, apúntanse os factores principais (prezo, prestacións, requisitos) do que será este I Campus, no que se conxugará a aprendizaxe e a mellora técnica co lecer e a convivencia. A diversión a través do Baloncesto está asegurada. ¡Anímate e Participa!

Dúbidas, consultas e envío de inscricións: campus@fegaba.com

“I Campus de Tecnificación y Perfeccionamento FGB” – Información Completa.
Formulario de Inscrición.
“I Campus de Tecnificación y Perfeccionamiento FGB”: Grupo de Traballo.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram