Notable asistencia e seguimento para o Clínic Formativo promovido pola FGB este sábado pasado en Ourense. A pesares do calor da tarde, un total de 60 adestradores galegos achegáronse ao Anexo ao Pazo dos Deportes Paco Paz para poder compartir con Gustavo Aranzana unha intensa hora e media de baloncesto á que deu saída, en primeira instancia, a modo de presentación, o director da Área Deportiva da FGB, Carlos Colinas.
Coa “Continuidade Dinámica no xogo de Ataque: Chegar desde a Defensa” como liña argumental da actividade, Aranzana traballou en pista con dez xogadores júnior do Club Ourense Baloncesto, que colaboraron á perfección para poder trasladar aos alí presentes as ideas e propostas do adestrador.
O técnico vallisoletano, que se amosou satisfeito de poder participar cos adestradores galegos do seu proceso formativo, tivo a oportunidade tamén de presenciar a final da XXVII Copa Galicia Sénior Masculina, con vitoria final para Obradoiro CAB. A súa foi unha presenza de luxo nas gradas do Pavillón Paco Paz, lugar onde tamén puido reencontrarse e conversar con amigos e compañeiros de profesión.
Os xogadores do COB, uns colaboradores de dez para Aranzana
Dende aquí, agradecer a Gustavo Aranzana a súa colaboración coa Área de Adestradores da FGB, agardando poder contar coa sorte de disfrutar da súa experiencia en vindeiras actividades e programas a realizar.