O Proxecto didáctico común da Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB, a “Aula Formativa do Adestrador Galego”, ofrece, no marco da “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”, a posibilidade de participar nunha nova sesión teórica da man dun auténtico profesional da elite do noso Baloncesto: o adestrador axudante do Río Natura Monbus, Gonzalo Rodríguez Palmeiro.
A cita será este domingo, 23 de febreiro, no Colexio Salesianos de Ourense ás 18:00 h.
Gonzalo Rodríguez será, desta volta, o encargado de levar as rendas desta especial “aula formativa”, a cal versará sobre “O Tiro: ampliar e rentabilizar espacios”.
A xuntanza didáctica terá lugar no Colexio Salesianos de Ourense, sede para o total das actividades da “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”. Neste caso, a intervención de Gonzalo Rodríguez dará comezo ás 18:00 h, servindo ademais como broche a un domingo repleto de actividades.
Inscrición e Validación formativa
Os adestradores interesados en participar desta Aula, e sempre que non participen tamén do total da “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”, deben solicitar a súa inscrición a través do email adestradores@fegaba.com, especificando nome, apelidos e título da charla.
A súa presenza na mesma poderá validarse por un total de DÚAS HORAS de formación para os alumnos dos Cursos de Iniciación, Nivel 1 e Nivel 2 da FGB.