Gonzalo García de Vitoria achega a figura do adestrador de baloncesto aos árbitros e oficiais do Comité Ourensano

Árbitros e oficiais do Comité de Árbitros na Delegación de Ourense puideron gozar o pasado venres, 22 de novembro; da charla teórica “Inmersión en táctica de baloncesto”, impartida polo adestrador do Ourense Termal (Adecco Ouro), Gonzalo García de Vitoria.

Por medio dunha didáctica presentación en video, na que se amosaban todo tipo de sistemas tácticos de xogo, Gonzalo García mantivo atentos e interesados a todos os presentes durante unha hora e media, cumprindo coa idea de achegar o sistema de traballo dos equipos na pista para que os árbitros os coñezan mellor e poder determinar así con mellor criterio. 

Para o Coordinador Técnico do Comité Ourensano, Luís Miguel Estévez, “o obxectivo superouse con creces debido á calidade visual e concreción coa que Gonzalo explicou unha gran variedade de tácticas de xogo, de forma amena e coma se fose un máis, demostrando así o progresivo achegamento que se está producindo nas últimas tempadas entre colexiados e adestradores, xa que estamos todos no mesmo barco e debemos entendernos, colaborar e complementar nosas visións os uns cos outros”.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram