
– A Federación Galega de Baloncesto, en colaboración co centro hospitalario “La Rosaleda”, renova a imaxe das súas Seleccións.
– A categoría cadete, cuxo campionato de España celébrase a partir do tres de xaneiro en Valladolid, é a encargada da estrea da nova equipación.
Luns de novidades para as Preseleccións Galegas Cadetes. Os nosos dous combinados autonómicos, que se atopan en Compostela celebrando a súa penúltima concentración previa ao Campionato de España, compartiron a mañá co Presidente FGB, Francisco Martín; e con Rafael Silva, Director Xerente de “La Rosaleda”, novo patrocinador das Seleccións FGB.
Os equipos feminino e masculino, cos seus cadros técnicos ao completo, visitaron as instalacións do Sanatorio Nuestra Señora de la Esperanza e, nesta sede, departiron xunto a Francisco Martín e Rafael Silva sobre a recta final cara ao campionato nacional, unha cita que realizarán lucindo a imaxe de “La Rosaleda” nas súas camisolas.
Xogadores e Adestradores, todos satisfeitos de contar con este novo apoio, estrearon ademais para a ocasión a súa nova equipación deportiva creada pola empresa galega TR3S25. Con ela posaron para a foto oficial da temporada 2014 – 2015, instantánea que agardan repetir con bo resultado en Valladolid (sede do Campionato, do tres ao seis de xaneiro)
Adestramentos e últimas instrucións
A presenza das Preseleccións Cadetes na clínica santiaguesa forma parte da axenda da concentración que ambas están a vivir este luns e martes en Compostela.
Con dobre sesión de adestramento en cada xornada, e disputa de encontros amigables incluída, darán por concluída a súa etapa de Preseleccións. O vindeiro día 26 coñecerase publicamente o listado definitivo dos 12 xogadores e xogadoras que viaxarán a Pucela.