Galicia Minibasket axusta o ritmo en Miranda de Ebro

As Seleccións Galegas Minibasket mediron esta fin de semana (14 e 15 de marzo) as súas forzas ante Madrid, Euskadi e Castilla e León, tanto en masculino como en feminino. No marco do Torneo Amigable de Minibasket Miranda de Ebro, organizado pola propia Federación de Castilla León e o Concello de Miranda, as catro seleccións ofreceron unha previa perfecta para o Campionato de España (a partir do 28 de marzo en San Fernando, Cádiz).

Os combinados de Diana Piñeiro e Alberto Pérez aproveitaron esta cita para seguir sumando a consistencia, garantía e credibilidade precisas para chegar ao Campionato de España sen fisuras.

Selección Galega Minibasket Feminina – Torneo Minibasket Miranda de Ebro

14/03/15

(16:00 h) Galicia – Castilla e León (50 – 49) (4-11,11-6, 5-8, 7-12, 11-6, 12-6)
A primeira xornada do torneo en Miranda de Ebro resultou ser positiva para os intereses galegos. O equipo que dirixe Diana Piñeiro estreouse con dificultades na saída de balón pero, aos poucos, foise asentando na pista para ofrecer a necesaria solvencia e control do ritmo de xogo. Cun tenteo axustando, solventou con vitoria o seu debut.

15/03/14

(11:30 h) Galicia – País Vasco (43 – 66) (4-17, 4-4, 10-18, 6-14, 6-9, 13-4)

A segunda cita do torneo resultou máis dura para galegas. Con problemas para saír da presión defensiva imposta polas vascas, o combinado autonómico non lograba o acerto desexado no seu tiro. A evidencia era clara no marcador do primeiro sexto, dominado por un parcial de 4 – 17 en favor vasco.

Esta cadencia negativa rachouse co paso dos minutos, nos que Galicia logrou entrar en partido e manter unha mínima diferenza nos parciais grazas a mellora da saída de balón cara ao campo ofensivo, situación que, sen embargo, non resultou suficiente para remontar.

(15:45 h) Madrid – Galicia (73 – 66) (10-9, 11-7, 13-7, 8-10, 10-16, 15-17)

Ante Madrid, Galicia soubo rematar a súa participación no Torneo con boas sensacións. Concentradas desde o minuto un, as nosas xogadoras conseguiron gañar toda a segunda parte e manterse preto do esixente rival durante toda a primeira. Todo, superando a ampla diferenza de altura entre ambos equipos, cuestión que pesaba aínda máis nos rebotes.

Tanto Madrid como Galicia loitaron por cada balón, ofrecendo un encontro intenso, aperitivo dos enfrontamentos que se poderán apreciar no Campionato de España, xa ás portas. Ao final, pesaron os pequenos erros galegos, sobre todo defensivos, e o trunfo quedou en mans madrileñas (73 a 66).

Malia iso, sensacións moi positivas para todo o equipo que, de seguro, axudarán a gañar ese punto de confianza preciso para afrontar o nacional.

Selección Galega Minibasket Masculina – Torneo Minibasket Miranda de Ebro

14/03/15

(18:00 h) Galicia – País Vasco (71 – 59) (20-4, 14-15, 6-6, 10-14, 12-12, 9-8)

Gran comezo dos galegos marcado por un magnífico esforzo defensivo que xa determinou a liña do encontro dende o primeiro sexto, asinado con vantaxe significativa. Grazas a esta renta o equipo de Alberto Pérez guiou o resto do partido baixo os seus intereses, administrando correctamente o colchón de puntos que o levaron á vitoria.

15/03/15

(09:30 h) Galicia – Castilla y León (49 – 74) (9-13, 11-12, 11-8, 6-8, 4-23, 8-10)

Comezou Galicia cunha inusual falta de actividade defensiva que provocaba que o equipo local conseguise anotar con fluidez en situacións de contraataque e transicións rápidas A pesares deste hándicap, e grazas a accións individuais acertadas, a superioridade castelá non se viu claramente reflectida ata que un parcial de 4-22 no quinto período abría unha brecha no marcador completamente definitiva.

(15:45 h)Madrid – Galicia (90 – 47) (12-9, 10-5, 23-7, 13-10, 17-4, 15-12)

Pese ás evidentes diferenzas físicas, os xogadores de Alberto Pérez fixeron mostra dunha grande ambición e competitividade. Plantando cara, Galicia mantivo a igualdade en 4 das 6 partes do encontro. Dous parciais de 23-7 no terceiro e 17-4 no quinto sexto decantaron a distancia final.

Selección Galega Minibasket Feminina 2015
Selección Galega Minibasket Masculina 2015

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram