
– Coa colaboración do C.B. Noia e do Concello desta vila, a Federación Galega de Baloncesto asume a responsabilidade, un ano máis, de organizar o “Trofeo Feminino das Nacións”, competición levada a cabo en harmonía entre as Federacións Catalana, Vasca e a propia FGB.
– O Pavillón Alonso Rodríguez abrirá as súas portas de xeito gratuíto os días 18, 19 e 20 de maio, datas nas que se reunirán as Seleccións Sénior de Galicia, País Vasco e Cataluña nun atractivo triangular.
As Seleccións Sénior Femininas de Galicia, Cataluña e País Vasco inundarán a vila de Noia do mellor Baloncesto. Concentradas nesta localidade, entre o 18 e 20 de maio, os tres combinados autonómicos darán vida ao “V Trofeo Feminino das Nacións”, cita presentada esta mesma mañá de luns no propio Concello noiés coa presenza do seu Alcalde, Rafael García; a Concelleira de Deportes, Mª Carmen Rodríguez; a presidenta do C.B. Noia, Nucha Calvo; e o propio presidente FGB, Francisco Martín.
Apoio ao baloncesto feminino
Dende a entidade noiesa acóllese este V Torneo como un “impulso ao baloncesto feminino”, categoría na que o club conta cun total de 4 equipos, por 7 masculinos. Nesta liña, a “satisfacción” foi a nota predominante nas verbas de Nucha Calvo, quen deu a coñecer os pormenores do evento.
Pola súa banda, o rexedor local, Rafael García, aproveitou para agradecer á Federación Galega e ao C.B. Noia o seu esforzo organizativo e económico para levar a cabo esta cita, unha actividade que xera “dinamismo deportivo e económico” para a vila. García convidou aos seus veciños a achegarse esta fin de semana ao Pavillón a comprobar como o baloncesto feminino de calidade convértese en auténtico protagonista.
Galicia: veteranía, xuventude e experiencia
O máximo mandatario FGB, Francisco Martín, foi o encargado de dar a coñecer a lista de xogadoras que nesta V edición dirixirá Carlos Colinas, unha selección, mestura de “veteranía, xuventude e experiencia”, composta por Ana Álvarez, Marina Feijoo, Arantxa Mallou, Sara Gómez, Regina Gómez, María Centeno, María Álvarez, Lucía Méndez, Tamara Abalde, Ana Román, Claudia Calvelo, Andrea Ríos e Javi Muñoz como adestrador axudante máis Marta Otero como delegada.
Francisco Martín aproveitou tamén para salientar o altísimo nivel das Seleccións rivais, País Vasco e Cataluña. “A presenza de xogadoras internacionais permitirá que todos os afeccionados saboreen o mellor baloncesto posible”, cuestión ademais, fundamental para a “promoción do baloncesto”.
“V Trofeo Feminino das Nacións” – Calendario
Pavillón Alonso Rodríguez. Entrada gratuíta.
Venres, 18/05/12
(20.00 h) Euskadi – Galicia
Sábado, 19/05/12
(19.00 h) Cataluña – Euskadi
Domingo, 20/05/12
(12.00 h) Galicia – Cataluña.
Selección Galega Sénior Feminina – “V Trofeo Feminino das Nacións”
Selección Catalana Sénior Feminina – “V Trofeo Feminino das Nacións”
Selección Euskadi Sénior Feminina – “V Trofeo Feminino das Nacións”