FGB e Clínica GAIAS activan o control médico dos Cadetes Preseleccionados con Galicia

Federación Galega de Baloncesto e a súa patrocinadora e aliada principal en cuestións de saúde, Clínica GAIAS, inician nesta última semana de Novembro o Programa de Recoñecementos Médicos habilitados para os xogadores e xogadoras preseleccionados con Galicia de cara a súa participación nos Campionatos de España 2013 – 2014.

Coa vista posta xa no vindeiro Campionato Cadete, marcado para xaneiro, os preseleccionados desta categoría, tanto en masculino como en feminino, son os primeiros deportistas en tomar parte dos chequeos, a realizar nos distintos policlínicos médicos pertencentes ou adscritos a GAIAS ubicados en Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo (DINAN), Pontevedra (EBAM), Vigo (CAD Vigo) e Ourense (SEMECOR).

Comezando pola cidade do Lérez, onde os primeiros recoñecementos tiveron lugar este luns, no día de hoxe, martes 26, o control sanitario realizarase aos rapaces e rapazas residentes en Vigo e A Coruña. Pola súa banda, os restantes xogadores visitarán as instalación de GAIAS en datas posteriores, sempre en función do seu lugar de residencia.

Obxectivo primordial: a saúde
A FGB aposta por este sistema de recoñecementos médicos na súa intención constante de garantir o benestar dos xogadores e xogadoras que formen parte das súas preseleccións, antepoñendo a saúde ao deporte e garantindo todos os medios posibles para que isto se cumpra.

Trátase dunha iniciativa de suma importancia, activada para minimizar os riscos e co fin de detectar patoloxías cardiovasculares ou doutra índole que poidan manifestarse tras a práctica dun exercicio intenso, neste caso do baloncesto.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram