Formación On Line: nova oportunidade para iniciarse na arbitraxe

O Comité Galego de Árbitros convoca o III Curso Online de Iniciación da presente temporada. Estendendo a actividade entre novembro e decembro, chama de novo á participación de todos aqueles que desexen entrar no mundo da arbitraxe como colexiados ou oficiais de mesa.

O CGAB ofrece unha nova cita coa formación vía “on line”. Tras congregar nas dúas edicións anteriores a un total de 80 alumnos, abre unha nova convocatoria do seu Curso de iniciación 2015 – 2016.

Os interesados e aspirantes a novos colexiados e oficiais de mesa teñen ante si unha nova oportunidade de afrontar as 14 horas lectivas que os achegarán, de xeito virtual, ao mundo da arbitraxe e os seus pormenores.

As aulas levaranse a cabo os días 24, 25, 26, 27 e 30 de novembro e os primeiros catro días de decembro. Ao longo destas nove sesións (en quenda de mañá ou tarde) introducirase aos alumnos nas materias base: Regras de xogo, tarefas de Anotador e Acta, Cronómetro e 24 segundos, Psicoloxía e coñecemento do xogo e iniciación á mecánica arbitral. Todas elas impartiranse vía on line, engadindo ao remate do curso tres sesións físicas en cancha (6 horas en total).

Ao remate deste ciclo formativo a avaliación de cada participante realizarase mediante un test e unha imprescindible proba física, ambos de carácter non eliminatorio.

Inscrición
Os interesados en informarse ou tramitar a súa inscrición neste “III Curso On Line 15/16” teñen á súa disposición o enderezo electrónico cursos.online@fegaba.com. Ao mesmo poden dirixirse para consultar os datos relativos á convocatoria, así como para formalizar a súa inscrición, enviando neste caso, antes do 21 de novembro; a correspondente ficha de alta e o xustificante de pago da cota dos cursos: 20 euros (a ingresar de xeito previo na conta ES27 2100 1455 11 0200136257 de la Caixa).

Promoción Especial
Todas aquelas persoas con licencia FGB como xogadores, adestradores ou delegados terán dereito a un desconto do 50% sobre a cota de inscrición.

Ficha Alta Árbitros e Oficias de Mesa 2015/2016

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram