A nosa compañeira colexiada do G1 do Comité Galego de Árbtros, Flor Medrea; dirixiu este sábado en Ourense un partido moi particular. Médico de profesión, non dubidou en deter inmediatamente o encontro no que tomaba parte para dar resposta a unha chamada de auxilio sanitario que proviña do exterior do Pavillón.
Flor saíu á rúa “sen pensalo, directamente”, cesando o xogo para poder axudar nesa situación. “Saíume de dentro, é algo totalmente normal” no noso traballo como sanitarios, relata Flor. “Manter a orde e a estabilidade e asegurar que os protocolos se cumprisen axeitadamente” e “aportar seguridade e tranquilidade” foi parte importante do que facer neste caso.
Como resalta Flor, reaccións como a súa, particulares polo marco no que ás veces ocorren; corresponden ao “instinto natural do sanitario: o de protexer á xente” e é así “como se desfruta totalmente da profesión”.
Unha profesionalidade que, unha vez puido regresar á pista coa situación afortunadamente controlada, tornou de novo pola arbitraxe e polo deporte, protagonistas aquí totalmente secundarios. O partido volveu á normalidade, pero amosando que o Baloncesto son as persoas que o compoñen e os seus valores, tanto dentro como fóra da pista!
Non é de estrañar que Flor recoñeza sentirse “moi orgullosa”do que está a facer, e do que lle resta por diante para a súa carreira. “Encántame a miña profesión e tamén arbitrar, creo que non son para nada incompatibles”.
Os nosos Parabéns a Flor por desempeñar con ilusión estas dúas paixóns tan distintas, a arbitraxe e a medicina. Para ambas a implicación é clave.
E por suposto, agradecer aos equipos EDO Blanco Amor e CB Val de Lemos, e a todos os presentes no pavillón pola súa comprensión.