FGB e Obradoiro CAB activan a “Aula Formativa do Adestrador Galego”

Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB poñen en marcha neste mes de outubro a “Aula Formativa do Adestrador Galego de Baloncesto”. Ambas entidades suman obxectivos e esforzos para dar saída a esta novidosa iniciativa, que abrirá o seu camiño o vindeiro domingo, 28 de outubro; co técnico do propio club santiagués, Moncho Fernández; como protagonista.

A entidade federativa e o equipo da capital galega inauguran esta proposta, de carácter práctico e orientada aos adestradores galegos de calquera idade, coa intención de achegar unha plataforma de formación continua e debate para os técnicos da nosa terra.

Moncho Fernández será a referencia da primeira acción que se levará acabo neste marco. O técnico de Compostela será o condutor dunha charla baixo o título “Construcción da Defensa de Pick and Roll. Metodoloxía”. A súa sobrada experiencia nos banquillos e o seu amplo coñecemento do xogo configuran a base perfecta para dar forma á súa intervención, que non dubidamos que rendabilizarán todos os presentes.

A cita en cuestión está programada para as 12.00 h do vindeiro domingo, 28 de outubro; sendo o Pavillón de Pontepedriña a localización escollida para tal fin. O proceso de inscrición, por suposto, está xa aberto.

Inscrición
A participación nesta primeira charla da “Aula Formativa” pode solicitarse, completamente de balde, a través da Área de Adestradores da Federación Galega de Baloncesto. Así, os interesados en inscribirse poden enviar os seus datos persoais ao enderezo adestradores@fegaba.com.

A súa presenza, no caso de formar parte na actualidade dos Cursos de Adestradores de Nivel I e II, poderá ser validada por 3 horas de formación práctica.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram