A aposta FGB pola formación para técnicos e árbitros engade un novo capítulo positivo ao seu mecanismo. Da man da propia Federación Galega e do Colexio santiagués Manuel Peleteiro establécese un novo marco de cooperación para impulsar a realización das actividades didácticas FGB.
O máximo mandatario federativo, Francisco Martín; reuniuse este luns, 9 de febreiro; con Luis Peleteiro, Director do Colexio Manuel Peleteiro; para rubricar sobre o papel un acordo que permitirá o emprego das instalacións do centro educativo nos diferentes programas formativos FGB.
Os Cursos de Adestradores en todos os seus niveis (iniciación, nivel 1 e nivel 2), así como os clínics orientados a árbitros e oficiais de mesa atoparán no Colexio Manuel Peleteiro, en Compostela, un escenario axeitado ás súas esixencias e condicionantes.
Igualmente, en virtude deste nexo de esforzos, a vindeira Xornada de Harmonización que a FGB celebrará o día 22 deste presente mes de febreiro terá lugar no emprazamento do propio Colexio, buscando repetir o éxito da primeira edición deste evento de tecnificación xa celebrado nesta ubicación o pasado 2014.