
A adhesión de forzas entre ambas as entidades iníciase este mes de decembro como punto de partida para máis actividades futuras en conxunto.
Federación Galega de Baloncesto e C.B. Nigrán coorganizarán a III edición do Torneo Solidario “Encesta un Alimento”. A institución federativa outorga o seu apoio e o respaldo da súa estrutura ao club nigrariense, ideólogo desta iniciativa, a cal se consolida este ano sumando xa tres convocatorias con notable éxito.
A edición 2016 do Torneo “Encesta un Alimento” terá lugar os vindeiros 22 e 23 de decembro no Pavillón Municipal de Panxón, agardando repetir neste escenario as cifras da pasada edición: dúas tonelas de alimentos recollidos con destino no “Banco de Alimentos”, 600 participantes chegados de toda Galicia e un alto compoñente de basket e diversión.
Nesta liña, Federación Galega de Baloncesto e C.B. Nigrán traballan xa man a man para poder ofrecer en datas próximas os detalles definitivos da actividade, da que, de seguro, a solidariedade común será de novo a absoluta protagonista.