Ferrol presenta o Campionato de España de clubs Cadete Masculino

– O primeiro edil da cidade departamental enmarcou a celebración do campionato de España en Ferrol na aposta do seu Goberno Municipal polo deporte, subliñando que “nesta cidade temos a sorte de contar con 300 clubs que organizan máis de 100 eventos deportivos ao ano”.

– Un total de 32 clubs procedentes de todas as Comunidades Autónomas competirán nos pavillóns municipais da Malata, Ensanche e Esteiro. Os partidos serán gratuítos e en horario de mañá e tarde.

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou este martes o XV Campionato de España Cadete de Baloncesto Masculino que se celebrará na cidade naval dende o 26 de maio ao 1 de xuño nos pavillóns municipais da Malata, Ensanche e Esteiro. O primeiro edil da cidade estivo acompañado pola responsable da Área de Deportes, Susana Martínez Galdós; o presidente do Ferrol CB, José Rilo; o vicepresidente segundo da Federación Galega de Baloncesto, José Manuel Villamarín; o integrante do gabinete técnico da Federación Española de Baloncesto (FEB), Manuel Aller; e o director deportivo do Ferrol CB, Luis Barbeito.

Na súa intervención, o rexedor municipal quixo agradecer á concelleira de Deportes o seu traballo “porque dende o Concello estamos realizando unha aposta clara polo deporte e un exemplo é o que estamos presentando hoxe aquí”. Así, o edil ferrolán lembrou que “en Ferrol temos a sorte de contar con 300 clubs que organizan máis de 100 eventos deportivos ao ano e aos que dende o Concello destinamos un importe de 600.000 euros anuais, unha cifra comparable co investimento que fai calquera outra cidade”.

Rey Varela manifestou a súa aposta por este Campionato Nacional de Baloncesto porque “por historia, tradición e afección, a nosa cidade é un referente no baloncesto”, engadindo que “a través deste campionato damos o noso apoio a este deporte e ao deporte en xeral. Este será un gran evento deportivo situará á cidade naval no punto de mira doutras cidades e comunidades e permitirá consolidar a marca Ferrol, vinculada ao deporte”.

Pola súa banda, o vicepresidente segundo da FGB quixo agradecer a colaboración e a aposta da Administración Municipal por esta competición e engadiu que “creo que é o Concello que máis campionatos de España celebrou”. Ademais, manifestou que “é unha maneira de que Ferrol sexa coñecida por toda España”. Pola súa parte, o director deportivo do Club Baloncesto Ferrol, salientou que “este evento deportivo é o máis importante do ano entre os que se van celebrar na cidade”.

Un total de 32 clubs españois da categoría cadete masculina daranse cita neste campionato nacional de gran repercusión para Ferrol. Ademais, de forma paralela ás competicións realizaranse diferentes actividades deportivas con colexios da cidade como 3×3, concursos de tiros, charlas, foros… Todos os partidos serán gratuítos e en horario de mañá e tarde.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram