As semifinais e finais disputaranse os vindeiros venres e sábado, días 10 e 11 de outubro, no pavillón polideportivo municipal de Esteiro.
(info: Concello de Ferrol) A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou hoxe a final da XII Copa Galicia de Baloncesto Feminino na categoría de Sénior. No acto de presentación, que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial, estiveron o presidente da Federación Galega de Baloncesto (FGB), Francisco Martín Micó; así como o presidente do Club Universitario Ferrol, Leopoldo Ibáñez Santiago, o Xefe do Servizo Provincial de Deportes en A Coruña, Roberto García; e a directora de La Caixa en Ferrol en calidade de entidade patrocinadora, Susana Sanjurjo.
O pavillón polideportivo municipal de Esteiro será a sede desta fase final que se disputará os vindeiros venres e sábado –días 10 e 11 de outubro-; e na mesma daranse cita: Celta Selmark, Ensino de Lugo, Arxil de Pontevedra e o conxunto local do Universitario Ferrol.
No que atinxe ao emparellamento e ao calendario da competición: o primeiro partido enfrontará este venres dende as 18.30 horas ao Ensino Lugo e ao equipo pontevedrés do Arxil. A continuación, a partir das 20.30 horas, disputarase a segunda semifinal entre o conxunto anfitrión do Universitario Ferrol e o Celta Selmark. Os gañadores xogarán a final o sábado ás 19.30 horas. Así mesmo, dúas horas antes (17:00 h) desta final da Copa Galicia feminina disputarase no mesmo pavillón polideportivo de Esteiro outra final: a da Copa Galicia EBA, cuxos protagonistas ainda están por decidir a fall do remate da fase previa.
A edil Martínez Galdós desexou sorte ao Universitario Ferrol neste evento e na liga. A titular de Deportes dixo, ademais, que coa final Copa Galicia “Ferrol converterase durante a fin de semana na capital galega do baloncesto feminino”. “Non podemos esquecer que este deporte feminino é o terceiro de España en número de licencias despois do fútbol e o baloncesto masculino, e proba da boa saúde do baloncesto feminino é o recente subcampionato do mundo que acaba de conseguir a nosa selección”, concluíu.