Noite especial a vivida en Sevilla este xoves, 19 de outubro; co ingreso da Promoción do Centenario FEB no Hall of Fame do Baloncesto Español. Nun escenario de luxo, o Baloncesto nacional celebrou unha cerimonia por todo o alto para recoñecer, honrar e sentirse orgullosos de auténticas lendas do noso Deporte, entre as que se atopaban dous galegos: Vicente Sanchís e Fernando Romay.
Sanchís e Romay, nas categorías de árbitro e xogador, viviron con emoción o seu ingreso no #hofbaloncestoespaña2023 e, dende a FGB, da man do noso Presidente, Julio Bernárdez, trasladámoslle en persoa todo o recoñecemento por parte do Baloncesto Galego, ao que pertencen e ao que, sen dúbida, representaron sempre con excelencia.
Da man da FEB, puidemos coñecer as impresións de ambos ante esta ocasión excepcional, a cal os consolida para sempre no imaxinario colectivo do Baloncesto máis exitoso:
Fernando Romay: “Síntome moi orgulloso” A Fernando Romay entregoulle o recoñecemento Raúl Blanco, presidente de Renfe. “É unha noite moi especial. Recibir este recoñecemento o ano do Centenario, recibilo de parte da FEB, o meu equipo, do que me sinto moi orgulloso. Somos un equipazo, unha verdadeira Familia. E éncheme de orgullo recibir isto diante dos meus fillos e a miña muller, e dicirlles o que representades para min. Sodes a miña mellor medalla… E tamén me enche de orgullo estar xunto a todo este equipo de elixidos”.
Vicente Sanchís: “É un recoñecemento para todos os árbitros”. O ex árbitro Vicente Sanchís comentou que “para un árbitro é complicado estar aquí, rodeado de tantos cracks. Empecei a xogar aos 9 anos, nun club da Falanxe, e tiven a sorte de que me fichou un club. Xogando ocorreume que lle preguntei a un árbitro e respondeume ‘somos o mal necesario’. Aquela frase marcoume, e cando tiven que deixar de xogar por unha lesión, só me propuxen demostrar que o árbitro non é un mal necesario”. Deu as grazas por recibir o recoñecemento, “é para os centos e centos e centos de árbitros, dedícollo a todos eles”. Entregoullo José Miguel Sierra e Antonio de Torres, presidentes das Federacións de Aragón e Andalucía respectivamente.
III Promoción del Hall of Fame
A promoción do centenario que ingresa xunto a Romay e Sanchís no Hall of Fame do Baloncesto Español complétana auténticas institucións do noso deporte, tanto de diferentes etapas como perspectivas. A todos eles, o noso máximo recoñecemento e as nosas encarecidas grazas por facer do Baloncesto o que é!
Esta III Promoción del Hall of Fame del Baloncesto Español compóñena:
Xogadores: Pau Gasol, Laia Palau, Felipe Reyes, Margarita ‘Wonny’ Geuer, Fernando Romay, Pilar Valero -in memoriam- e en categoría internacional Luis Scola, Predrag Danilovic, Natalia Zassoulskaya e Dirk Nowitzki.
Adestradores: José Vicente ‘Pepu’ Hernández e Bozidar Maljkovic.
Árbitros:Vicente Sanchís e Ángel Sancha -in memoriam.
Contribuidores: Liga ACB e revista Gigantes del Basket.