Fernando Romay e José Manuel Beirán, este venres 17 en Compostela coa “Vía Deportiva Renfe”

– Santiago de Compostela convértese este venres, 17 de febreiro, en estación de parada para a “Vía Deportiva”, programa social posto en marcha pola Fundación FEB 2014 e Renfe.

– Destinado a pais, xogadores e formadores de novos xogadores este proxecto viaxa por toda España co obxectivo de axudar, a través dunha ponencia realizada por Fernando Romay e José Manuel Beirán, a reflexionar sobre a educación en valores a través do Baloncesto.

– A participación na charla – coloquio deste venres é totalmente de balde e a FGB convida a participar a todos os afeccionados e federados interesados na temática posta sobre a mesa.

Os ex xogadores internacionais Fernando Romay e José Manuel Beirán ofrecerán este venres, 17 de febreiro, en Santiago unha interesante charla – coloquio que canalizará as potencialidades formativas que o baloncesto ofrece aos nosos fillos e xogadores.

Esta intervención, dirixida principalmente a pais e técnicos, transmitirá pautas e claves para unha correcta educación en valores da man do galego Fernando Romay, Director de Relacións institucionais da Fundación FEB 2014; e de José Manuel Beirán, avalado ademais de pola súa traxectoria deportiva, pola súa faceta como experto en psicoloxía deportiva.

Romay e Beirán comparecerán a partir das 20.00 h do venres no Hotel NH Obradoiro (Avenida Burgo das Nacións s/n) e dende a FGB animamos a asistir a esta interesante charla a todos os adestradores, pais, xogadores e afeccionados que desexen compartir as súas inquedanzas sobre un tema sempre vixente como é a educación en valores.

O único requisito para poder achegarse a coñecer en persoa as experiencias de Romay e Beirán é a confirmación previa de asistencia, a cal debe facerse a través do correo electrónico (didacticaparapadres@feb.es)

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram