Fernando Romay e José Manuel Beirán achegan a Galicia a “Vía Deportiva Renfe”

– Santiago de Compostela será o próximo 17 de febreiro a próxima estación de parada para a “Vía Deportiva”, recente programa social posto en marcha pola Fundación FEB 2014 e Renfe.

– Destinado a pais, xogadores e formadores de novos xogadores este proxecto viaxa por toda España co obxectivo de axudar a educar en valores aos máis pequenos. Compostela será a súa sede en Galicia, grazas á intervención da Federación Galega de Baloncesto.

Os ex xogadores internacionais Fernando Romay, á súa vez Director de Relacións institucionais da Fundación FEB 2014; e José Manuel Beirán ofrecerán o vindeiro 17 de febreiro en Santiago unha interesante charla – coloquio que canalizará as potencialidades formativas que o baloncesto ofrece aos nosos fillos e xogadores.

Este relatorio, dirixido principalmente a pais e técnicos, virá seguido da proxección dun vídeo, a reflexión grupal das cuestións postas sobre a mesa e o debate sobre posibles inquedanzas ou dúbidas de todos os alí presentes.

A cita compostelá suma unha parada máis á positiva traxectoria que o Programa “Vía Deportiva” veu trazando ao longo de toda España en diferentes cidades, nas que a resposta de pais e adestradores foi excelente.

A convocatoria galega está marcada para o venres, 17 de febreiro, a partir das 20.00 h, no Hotel NH Obradoiro, localización xestionada grazas á colaboración de “la Caixa”. A asistencia á mesma é completamente libre e de balde, poñendo ao alcance de todos unha boa oportunidade de compartir opinións sobre temas sempre de referencia como son o deporte e a educación en valores.

O único requisito para poder achegarse a coñecer en persoa as experiencias de Romay e Beirán é a confirmación previa de asistencia, a cal debe facerse a través do correo electrónico (didacticaparapadres@feb.es)

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram