Ambas as institucións asinaron esta mañá en Compostela a renovación do acordo de colaboración polo que o baloncesto federado continúa a formar parte da filosofía e a labor que realiza Special Olympics Galicia.
Federación Galega de Baloncesto e Special Olympics Galicia intensifican a súa confianza no baloncesto como axente integrador. Os presidentes de ambas as entidades, Francisco Martín por parte da FGB; e Eladio Fernández representando a Special Olympics Galicia, rubricaron esta mañá, estendéndoo por unha temporada máis, o acordo asinado en 2016 co obxectivo de promover a práctica de baloncesto e do baloncesto unificado entre as persoas con discapacidade intelectual.
Nesta liña, a FGB continuará colaborando, a través do seu Comité de Árbitros, nas Ligas promovidas por Special Olympics Galicia, nas que participan persoas con discapacidade intelectual e que contan cun alto número de equipos en competición.
Special Olympics Galicia é a Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de persoas con discapacidade intelectual, que ten como finalidade a promoción e a inserción social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer o tempo libre, a cultura e o deporte.