Federación Galega de Baloncesto e Hospital Policlínico La Rosaleda suman esforzos en prol da Saúde das Seleccións Galegas

A Federación Galega de Baloncesto e o Hospital Policlínico La Rosaleda presentaron este xoves un convenio de colaboración no que se enmarca a realización de Chequeos de Saúde a todos os xogadores e xogadoras que forman parte das Seleccións Galegas nas súas categorías Base.

Ambas institucións deron a coñecer esta mañá os detalles deste acordo nun acto no que estiveron representadas polo Presidente FGB, Francisco Martín; a Coordinadora de Chequeos Médicos e Deportivos do centro hospitalario, Silvia Rodríguez; e o Director Xerente do mesmo, Rafael Silva; encargado, á súa vez, de introducir a presentación.

Silvia Rodríguez, responsable directa dos recoñecementos médicos, explicou o porqué deste acordo, unha iniciativa necesaria “co fin de detectar patoloxías cardiovasculares ou doutra índole que poidan manifestarse tras a práctica dun exercicio intenso, neste caso do baloncesto”. Minimizar os riscos, algúns tan graves como a temida morte súbita, é un dous principais obxectivos deste proceso.

Francisco Martín, pola súa banda, remarcou o papel que a FGB, a través dá súa área de saúde, lle outorga ao benestar dos xogadores e xogadoras, “antepoñendo a saúde ao deporte”. “Queremos que os xogadores compitan coas garantías de que puxemos todos os medios ao noso alcance para velar pola súa saúde”, incidiu.

O mandatario federativo non quixo deixar de agradecer ao Hospital Policlíno La Rosaleda por todas as facilidades amosadas neste proxecto. Así mesmo, polo seu bo trato cara os pais dos xogadores, puntualmente informados das accións levadas a cabo.

Realizados xa 35 dun total de 80 chequeos programados, o Hospital Policlínico La Rosaleda seguirá traballando durante o 2013 coa FGB e aqueles xogadores e xogadoras que a representen nos diferentes Campionatos de España de Seleccións Autonómicas.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram