Rotundo éxito do Torneo Solidario “Encesta un alimento”, cita que sumou a súa terceira edición organizada polo CB Nigrán en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto.
O pavillón Municipal de Panxón acolleu durante dous días, 22 e 23 de decembro; a centos de nenos e nenas que gozaron practicando o seu deporte favorito e forxando ademais un importante carácter solidario xa que cada un dos participantes aportaron alimentos non perecedeiros co fin de ser entregados ao Banco de Alimentos.
(Info: CB Nigrán) Máis de 48 horas de baloncesto, 65 equipos de Basket, 700 xogadores e xogadoras e máis de dúas toneladas de alimentos recollidas. Trátase do torneo máis grande organizado polo club de baloncesto nigranense, que contou nesta ocasión coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e da Obra Social “la Caixa”, do mesmo xeito que con “Frutas Nieves”, que xa colaborou na edición anterior aportando froita para todos os nenos participantes.
Desde a categoría baby, ata a categoría cadete, pasando polas categorías benxamín, alevín e infantil desfilaron polo polideportivo municipal diferentes clubs, colexios e escolas deportivas para disputar partidos e compartir dúas xornadas de deporte, solidaridade, convivencia e festa.
Os encontros foron arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto e árbitros en formación que participaron de xeito voluntario e desinteresado. Ademais destes encontros deportivos realizáronse diferentes sorteos de agasallos aportados pola Federación Galega de Baloncesto, o club Amfiv de baloncesto en cadeira de rodas, o Club Unami de Segovia e a tenda de deportes Área Sport de Nigrán.
Ao acto de clausura asistiron o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; o alcalde de Nigrán, xunto á Tenente Alcalde; e o Concelleiro de Deportes e o director de “la Caixa”, Gonzalo do Pazo; que fixeron entrega a cada neno participante dunha medalla aportada pola Fundación Obra Social “la Caixa”, que acreditaba a súa participación no torneo xunto a unha bolsa de caramelos aportada polo Concello de Nigrán.
Dende Club Baloncesto Nigrán queren dar as grazas á Federación Galega de Baloncesto, á Obra Social “la Caixa”, ao Banco de Alimentos, ao Concello de Nigrán e a Frutas Nieves por facer posible o éxito deste torneo, tanto no deportivo como no social. Dan as grazas tamén a todos os pais e nais do club que estiveron colaborando no pavillón durante os dous días de torneo, aos clubs por asistir, a aos nen@s por participar e a todas as súas familias por acompañalos.
A totalidade dos alimentos recollidos serán entregados ao “Banco de Alimentos” co fin de ser destinados ás familias máis necesitadas.