Estudiantes Lugo, campión na terceira proba do “Circuíto Galego Sub 22”

O torneo “Cidade de Santiago Ulla Oil-la Caixa”, celebrado en Compostela este sábado, 21 de xuño; puxo o broche final á primeira tempada do Circuíto sub 22 Galicia, unha idea experimental que partiu do club Ourense Baloncesto e á que sumaron Estudiantes Lugo e a fundación FEDESA co Instituto Rosalía. Devandito proxecto contou desde un inicio co apoio da Federación Galega de Baloncesto.

 

A cita compostelana, terceira e última proba do “Circuíto Galego Sub 22”, proclamou como campións aos lucenses do Leyma Natura; e concedeu o seu MVP ao xogador Ourensán do Chad Placide Nakidji. Ambos protagonistas destacaron entre grandes actuacións individuais, accións espectaculares, baloncesto de alto nivel e unha xornada cun gran ambiente global tanto na cancha como nas gradas do pavillón do instituto.

O Torneo “Cidade de Santiago Ulla Oil-la Caixa” resultou todo un éxito polo cal a a dirección de FEDESA, impulsora principal do mesmo, desexa agradecer a presenza dos xogadores e equipos participantes, así como aos patrocinadores, á FGB e ao persoal do club que colaborou na organización.

1ª semifinal
(10:30 h) Instituto Rosalía – Club Ourense Baloncesto (75 – 93)

Abrían a xornada os de Ángel Castro contra o equipo ourensán que dirixe Juan Norat. O partido quedou visto para sentenza nos primeiros 20 minutos. Da man do pívot do Chad Placide Nakidjim, os das Burgas tomaban as primeiras diferenzas no marcador. O poder interior Ourensán e o mal balance defensivo dos composteláns abrían a primeira brecha no marcador con 18 a 26 tras os primeiros 10 minutos.

No segundo cuarto, a pouca intensidade defensiva dos de Castro facilitaba que os de Ourense anotasen 34 puntos mediante fáciles contraataques e numerosas segundas opcións. Así pois o resultado ao descanso era dun amplo 36 a 60 para os visitantes.

Pouco tivo que ver a imaxe dos locais na segunda parte, que cunha maior intensidade e ganas deixaron aos xogadores do COB en 33 puntos nos dous cuartos restantes. Saían os locais a lavar a súa imaxe, e de paso a intentar a heroica. Da man de Nilo Barreiro, Antón Bouzan e Aitor Prol, canastra a canastra, os de Ángel Castro e César Fernández chegaron a situarse a 11 puntos e posesión a falta de 4 minutos. Nese intre e para dinamitar calquera posibilidade final de remontada rexurdiu con forza a figura do interior Placide, que con 21 puntos e 20 rebotes deulle a puntilla aos anfitrións.

2ª semifinal
(12:30 h) Estudantes de Lugo – Leyma Natura (75 – 107)

A pesares da superioridade rival no xogo interior, o Leyma Natura, que adestra Pablo Abuín, abría brecha xa no primeiro cuarto sobre os de Alex Polo, 10 a 25 no primeiro cuarto.

Manterían o tipo os locais no segundo cuarto pero non conseguirían reducir a diferenza no marcador, 35 a 51 o descanso. Na segunda parte repetiuse o guión da primeira. Da man de Chapela, Quintela e Mukendi os de Polo intentaban a reacción, pero a superioridade na zona dos de Abuín cun total de 24 rebotes de ataques abortaba calquera tipo de reacción, ao que ademais hai que sumar a gran actuación do base de Leyma Natura Erik Quintela con 7 triplas de 11 intentos para un total de 23 puntos en 16 minutos de xogo. Vitoria clara e contundente dos lucenses do Leyma Natura que pasaban á final.

3 e 4º posto
(17:00 h) Instituto Rosalía – Estudantes de Lugo (87 – 80)

Emocionante e igualado partido o disputado polos locais do Rosalía de Castro e os rapaces do Estudiantes Lugo. Do mesmo xeito que no encontro da mañá, non empezaban finos en defensa os de Ángel Castro e César Fernández e tras os primeiros 10 minutos os lucenses dominaban por 3 puntos, 21 a 24. Melloraban en defensa os colexiais no segundo parcial e conseguían darlle a volta ao marcador malia a espectacular actuación do base lucense Sergi Quintela, quen anotaba 21 puntos ao descanso.

Da man do trío formado por Chapela, Quintela e Lago, os “estudiantís” de Alex Polo dábanlle a volta ao marcador no terceiro período e entraban ao último cuarto 2 arriba. Complicábanselle as cousas aos de Castro no inicio do último cuarto e os lucenses chegaban ata os 10 puntos de vantaxe, tras un tempo morto rexurdiu o mellor Rosalía. Liderado polo escolta Nilo Barreiro, os colexiais comezaron a remontada e a falla de 3 minutos situábanse 1 puntos por encima no marcador.

A puntilla aos lucenses deuna o escolta do CB Cluny Luís López cunha tripla a falla de 50 segundos que situaba aos colexiais 6 arriba no marcador. Finalmente vitoria santiaguesa por 87 a 80.

Final
(19:00 h) Club Ourense Baloncesto – Leyma Natura (74 – 94)
Comezaba a final cun ritmo algo espeso e coas defensa dominando sobre os ataques. Do mesmo xeito que na semifinal, Placide Nakidjim dominaba as zonas de ambos os lados do campo propiciando que o equipo de Juan Norat finalizase o primeiro cuarto dominando por un punto, 14 a 13.

No segundo período, e grazas ao seu xogo de equipo, os lucenses de Pablo Abuín empezarían a impoñer o seu xogo e daríanlle a volta ao marcador. Unha espectacular tripla do base lucense Erik Quintela desde medio campo sobre a bucina, propiciaba que marchasen ao descanso con 9 puntos de vantaxe, a máxima ata ese momento no partido. Aínda así non todo serían boas noticias para os lucenses, pois neste segundo cuarto perderían ao seu pívot Martín Gómez para o resto do encontro.

Intentou plantar cara o Ourense baloncesto na segunda parte, pero só puido aguantar mentres lle quedaban forzas ao seu pívot Nakidjim. Mentras, no bando ourensán só o xogador do Chad superaba os 10 puntos. Por parte lucense ata 5 xogadores chegaban á decena.

Un morno intento de remontada ao comezo de último cuarto foi abortado polo acerto desde a liña de 6,75. Tres triplas consecutivas, unha de Roberto Abuín e dúas do base Brais Gago, finiquitaban a final a falta de 5 minutos e situaban aos lucenses con 20 puntos de vantaxe. Finalmente, 74 a 94 para os do Leyma Natura de Pablo Abuín que se proclamaban así campións do “I Torneo Cidade de Santiago”.

Estatística: Estudiantes de Lugo 75 – 107 Leyma Natura
Estatística: Instituto Rosalía 75 – 93 Club Ourense Baloncesto
Estatística: Instituto Rosalía 87 – 80 Estudiantes de Lugo
Estatística: Club Baloncesto Orense 74 – 94 Leyma Natura

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram