Este domingo, nova cita en Cambados para a “Aula Formativa do Adestrador Galego”

– O Pavillón do Pombal, en Cambados, será testemuña este domingo 27 da cuarta convocatoria da “Aula Formativa do Adestrador Galego”. Os protagonistas e encargados de dar contido a esta nova charla son os técnicos galegos Manuel Felpeto e Rubén Domínguez.

– A presenza nesta actividade poderá validarse por cinco horas de formación práctica para todos aqueles alumnos dos Cursos de Adestradores de Nivel I e II impartidos pola Federación Galega de Baloncesto.

Obradoiro CAB e Federación Galega de Baloncesto retoman neste novo ano 2013 o pulso do seu proxecto común: a “Aula Formativa do Adestrador Galego”. Ambas as institucións activan a cuarta charla dentro deste marco, a celebrar este domingo, 27 de xaneiro, en Cambados.

Nesta ocasión os técnicos galegos Manuel Felpeto e Rubén Domínguez compartirán cos asistentes as súas experiencias en torno a dúas temáticas sempre de interese: o “scouting aplicado ao adestramento” e as “claves para dirixir un grupo”, respectivamente.

Inscrición
A sesión impartirase a partir das 17.00h deste mesmo domingo, 27 de xaneiro. Felpeto será quen a inaugure, dando paso, ás 18.30 h, á quenda de Rubén Domínguez, coas claves para comandar un equipo.

Como en todo o ciclo de charlas propostas ata o momento por Obradoiro CAB e Federación Galega de Baloncesto, a participación é totalmente aberta e de balde, unicamente precisando que os interesados envíen os seus datos persoais a adestradores@fegaba.com

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram