O 17 de maio Carballo será, por quinto ano consecutivo, capital galega do baloncesto para os máis cativos. 650 xogadores de entre 5 e 8 anos e 55 equipos de toda a comunidade citaranse na zona do Pavillón Carballo Calero para gozar do “V Pequebasket”, unha data subliñada no calendario de clubs de Viveiro, Ourense, Lugo, As Pontes, A Coruña, Santiago, Ferrol, Porto do Son, Sarria, Teo, Vigo, Culleredo, Ponteceso, Cee, A Laracha e, claro está, a nosa localidade. A organización corre a cargo, coma sempre, da Escola Basket Xiria, que conta coa colaboración do Concello, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto.
Do interese que esperta cada ano esta xornada de convivencia, deporte, saúde e amizade (que clausura, ademais, a tempada das Escolas de Iniciación do Basket Xiria) fala o feito de que houbese que pechar a inscrición once días antes da celebración do evento, e logo de ampliar ata 55 o número máximo de equipos participantes, inicialmente establecido en 49.
O Pequebasket 2017 presentouse este martes, 9 de mayo; nun acto no que foi anfitrión o presidente da xestora do Casino, Ricardo Vilas, e no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o presidente da Escola Basket Xiria, Marcos Díaz Molk; o responsable de Deportes da Deputación, José García Liñares, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín.
“Nos nosos soños chegaríamos aos 1.000 participantes -asegurou Molk-, pero, por presuposto, tivemos que pechar a inscrición en case 650. Os cartos para o Pequebasket –engadiu- non son un gasto, son un investimento de futuro: en educación, en adestradores, en saúde”. Entre os agradecementos do presidente do Basket Xiria, ademais do alcalde e do edil de Deporte, Marcos Trigo, estivo o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xose Regueira, “un dos impulsores do Pequebasket desde a primeira edición”, dixo.
Francisco Martín mostrouse gratamente sorprendido do “percorrido que está a ter o Pequebasket” e confesou que cando a Federación Galega puxo a andar o BabyBasket fíxoo tendo sempre moi presente o torneo do Basket Xiria. “Chámese Pequebasket, Babybasket ou como se chame, Carballo ten que ser un referente no baloncesto galego para rapaces desta idades”.
Para Liñares, o Pequebasket “ten un aspecto importantísimo, que é o da convivencia: a convivencia fomenta a educación e, loxicamente, a través da educación seremos moito máis libres”.
O alcalde de Carballo lembrou o nacemento de varias das seccións de Xiria no ano 1983. “Pero o que é máis importante de todo –dixo- é que moitas persoas que formaron parte de Xiria desde hai moitos anos sigan vinculadas ao club, porque o que claramente demostra isto é que os proxectos que teñen sentido son os colectivos, e os proxectos colectivos son os que lle dan vida a un pobo. Neste aspecto, todos nos temos que sentir moi afortunados de dicir que en Carballo o deporte é tremendamente relevante: no baloncesto e noutras categorías deportivas”.
Os 55 equipos participantes nesta edición son:
CB Viveiro de Lugo
AD Bosco Salesianos de Ourense
Franciscanos de Lugo
EDM Ponteceso
CB As Pontes
CD Los Rosales de A Coruña
ADM Peleteiro de Santiago
CB Mercedarias de Ferrol
CB Costa Artabra
AD Franciscanos de A Coruña
CB Porto do Son
CB Artai de Carballo
CB Sarria
Cristo Rey de A Coruña
CD San José de Cluny de Santiago
CB Basquet Coruña
CB Universitario de Ferrol
Estudiantes de Lugo
Club Jesuitinas de A Coruña
CD Galogrin de Teo
ACB Costa da Morte de Cee
CD María Auxiliadora de Lugo
Celta Baloncesto de Vigo
Basket School de Ferrol
CB Culleredo
AAA Dominicos
EMB A Laracha
Escola Basket Xiria