En marcha, entre as mellores sensacións, o II Curso “on line” do CGAB

A segunda edición do Curso “on line” do Comité Galego de Árbitros avanza coa mellor das perspectivas posibles. Sumando desta volta un total de 43 alumnos, dobrando o índice de participación da súa anterior convocatoria, os novos aspirantes a árbitros e oficiais de mesa arrincaron o pasado día 17 esta experiencia, da que, dende o inicio, non dubidan en louvar a súa “flexibilidade horaria” e “comodidade” á hora de afrontar as aulas.

Aos mandos do curso, como director do mesmo, atópase o colexiado compostelán Xesús Pena, que define o espírito recollido ata o momento nas primeiras clases virtuais. “Intentamos que as clases, pese a ser on line sexan o más abertas e participativas posibles. Tamén que os futuros árbitros e oficiais traballen á vez, considerando a árbitros e oficiais como un só equipo.”

O bo ritmo das aulas apóiase ademais nun temario completo, materializado grazas a unha plataforma virtual de alta calidade. As videoconferencias son a clave dun proceso no que se conta tamén coa colaboración de experimentados colexiados como o actual técnico FEB Vicente Sanchís.

Trátase dunha equilibrada combinación entre o factor humano e as vantaxes que a rede permite. Un conxunto a disposición dun alumnado que, tal e como recoñece Xesús Pena, “chega a esta nova modalidade formativa movido pola curiosidade en torno ao traballo arbitral e ao coñecemento das regras” . Así mesmo, a elevada porcentaxe de participantes que non tiveron un contacto previo co baloncesto anteriormente combínase con adestradores e xogadores que desexan ampliar, sen necesidade de moverse da casa, o seus horizontes dentro deste mundo da canastra.

Todos eles completarán a finais deste mes a súa formación teórica. Posteriormente chegará a súa proba en pista, unha oportunidade presencial de amosar e reforzar o aprendido

II Curso “On line” Iniciación – CGAB: Programación.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram