En marcha a Formación “ON LINE” para árbitros e oficiais de mesa

O CGAB inaugura este xoves nova plataforma de traballo, coa que adapta a aprendizaxe ao ritmo de vida actual.

Un total de 30 alumnos permanecen desde este xoves “conectados” ao mundo da arbitraxe. A través do Curso “On Line” posto en marcha polo Comité de Árbitros da Federación Galega de Baloncesto, dende a súa propia casa, e en horario flexible, inícianse como colexiados e oficiais de mesa.

Baixo a dirección de Xesús Pena, responsable técnico do CGAB na zona de Santiago; a trintena de futuros árbitros e oficias de mesa, procedentes de toda Galicia, traballan dende esta mesma mañá en dúas quendas diferentes, repartíndose en horario de mañá ou tarde, escollendo así cada usuario a opción que mellor se axusta aos seus intereses.

A condición “on line” do Curso non varía a programación de aulas ás que teñen que facer fronte todos os participantes. As habituais esixencias temáticas dun curso presencial toman corpo tamén con este formato. Regras de xogo, Anotador e Acta, Cronómetro e 24 segundos, Psicoloxía e coñecemento do xogo e iniciación á mecánica arbitral son materias nas que afondar.

A presenza física dos alumnos unicamente será necesaria en tres sesións en cancha (6 horas en total). Así mesmo, a avaliación dos seus coñecementos virá da man dun test e dunha imprescindible proba física, ambos de carácter non eliminatorio.

En xaneiro, nova convocatoria
A marcha da formación on line non se deterá aquí. Dende a dirección técnica do CGAB xa se están a perfilar os detalles para activar unha segunda convocatoria de Cursos. A mesma, prevista para o mes de xaneiro, continuará a achegar a diferentes puntos de Galicia a aprendizaxe en materia arbitral, eliminando as distancias xeográficas.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram