Universitario Ferrol revalida o título de Copa Galicia, trunfo que xa conquerira na pasada edición por primeira vez na súa historia. O equipo de Lino Vázquez meteu a directa dende un principio no encontro final ante Durán Maquinaria Ensino. Foi unha cita vista para sentencia dende ben pronto pero na que en ningún intre ambos os equipos deixaron de dar a cara. Parabéns a ambos pola seu traballo en pista!
A continuación remitimos o resultado e estatísticas:
11/10/2014 – XXII Copa Galicia Sénior Feminina. Final (Pavillón de Esteiro. Ferrol)
(19:30 h) UNIVERSITARIO FERROL – DURÁN MAQUINARIA ENSINO
(30-7, 28-14, 16-10, 25-25) (99-56)
Árbitro 1: Cristina García Árbitro 2: Roi Rilo.
Universitario Ferrol pode presumir nas súas vitrinas de dúas Copas Galicia Sénior. O equipo de Lino López revalidou ante Durán Maquinaria Ensino un título no que xa deixou a súa pegada a temporada pasada.
A final desta edición non deixou marxe para a sorpresa, marcando dende os primeiros intres a tendencia incontestable en positivo para as de Ferrol. Un acertadísimo primeiro cuarto das locais, cunha notoria porcentaxe a favor ante canastra (30 – 7), lastraba as opcións rivais.
Durán Maquinaria Ensino viuse sobrepasado en puntos e na pista por un Universitario que, non en vano, comezará a súa andaina en Liga Feminina esta mesma semana (mércores, 15 de outubro ante Cadí La Seu). O equipo de Pepe Vázquez non tivo ocasión de buscar o trunfo e avanzou sempre a remolque dunha distancia numérica que se amosaba insalvable.
Universitario seguiu a incrementar a súa renta a medida que corrían os minutos, deixando para a segunda metade do encontro o tempo de repartir xogo e realizar rotacións. Ensino, pola súa banda, resistiu con saber estar sobre a pista do Pavillón de Esteiro pero sen nada xa que ofrecer para loitar pola vitoria.
MVP, Beatriz Sánchez
O Recoñecemento como Mellor xogadora desta final recaeu nas mans da pívot Beatriz Sánchez, cuxa actuación rexistrou 16 puntos en 31 de valoración. Sánchez, que recibiu un agasallo cortesía de “la Caixa” polo seu bo papel, agradeceu con amplo sorriso este galardón.
Entrega oficial
A responsable do departamento de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, foi a encargada de celebrar xunto ao equipo da cidade o seu trunfo na Copa Galicia. Acompañada polo Presidente FGB, Francisco Martín, a concelleira entregou o trofeo ás campioas, remarcando así o tradicional apoio do Concello a esta competición e ao Baloncesto.
O Presidente FGB agradeceu a Susana Martínez o compromiso do Concello de Ferrol para coa Copa Galicia
Pola súa banda, nas mans do Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Roberto García, recaeu a entrega da súa tamén merecida copa ao subcampión, Durán Maquinaria Ensino.
Roberto García trasladou á capitana do Ensino os seus parabéns por chegar ata a final e competila
Universitario Ferrol – Durán Maquinaria Ensino: Estatística ao Descanso
Universitario Ferrol – Durán Maquinaria Ensino: Estatística Final (99 – 56)