Esta mañá o edificio do Concello de Marín acolleu a presentación da semifinal e da final da XXXIV Copa Galicia Sénior Feminina e da final da Copa Galicia LEB masculina.
Dúas fins de semana con dúas finais da Copa Galicia de Baloncesto que servirán como pistoletazo de saída para o ciclo deportivo deste curso na vila de Marín. A Casa Consistorial acolleu esta mañá a presentación da XXXIV Copa Galicia Sénior Feminina e da Copa Galicia LEB, que se celebrarán no Pavillón da Raña o 19 e o 24 de setembro, respectivamente.
A presentación contou coa presenza da alcaldesa, María Ramallo; o concelleiro de Deportes, Antonio Traba; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó; o directivo do PeixeGalego, Luis Santiago Pereira, e o xefe de Provincial de Deportes en Pontevedra, Daniel Benavides.
No que respecta á XXXIV Copa Galicia Sénior Feminina, celebraranse as semifinais o venres 17 na Raña. Ás 18.00 horas, Baxi Ferrol enfrentarase co Celta Zorka Recalvi. Ás 20.00 horas, enfrentarase o Durán Maquinaria Ensino co Maristas da Coruña. A final será o domingo, día 19, ás 12.00 horas.
Pola súa parte, a Copa Galicia LEB enfrentará a Leyma Coruña co Club Ourense Baloncesto, tamén na Raña ás 20.00 horas. Este 2021, a Copa Galicia de categoría masculina estase a celebrar cun formato especial, con duplicidade de finais. A primeira delas, final de categoría ACB, tivo lugar o pasado mes de agosto. E agora chega a quenda para a final LEB, que desputarán estes dous equipos galegos.
Retransmisión en directo e limitación de aforo
Tanto a semifinal como a final feminina serán retransimitidas por parte da Federación Galega de Baloncesto a través da súa canle en Youtube, Fegaba TV. Tamén se poderá ver a través desta vía a final masculina.
Por outra banda, en todos os partidos haberá un aforo limitado a 180 persoas. No caso da Copa GAlicia Feminina, as entradas serán gratuítas pero haberá que rexistrarse previamente para conseguir algunha delas na app empregada polo club organizardor, CB Peixe Fresco. Con respecto ao evento LEB, darase máis información da retirada de entradas a medida que se achegue a data do encontro.
“Volvemos á normalidade, tamén grazas ao deporte”
Durante a presentación, todas as autoridades coincidiron en sinalar estes dous eventos deportivos como o punto de arranque dunha nova tempada na localidade de Marín, “que leva moito tempo apostando polo baloncesto grazas ao empeño do Concello, da súa alcaldesa e do seu concelleiro de Deportes”, apuntou o presidente da Federación, que considera estes dous partidos como un importante revulsivo “tanto para o deporte masculino como para o feminino”. Martín Micó adiantou que “hai perspectivas futuras para Marín”, que se irán desvelando co paso dos meses.
Pola súa banda, Luis Santiago, quixo tamén agradecer a implicación do traballo municipal para seguir apostando por citas deportivas coma estas e Benavides asegurou que é “gratificante que poidamos volver á normalidade, tamén a través do deporte, e nun sitio, como é Marín, onde os clubs veñen encantados pola hospitalidade e a profesionalidade que atopan aquí”.
Ramallo quixo tamén destacar “as ganas que temos todos de participar de novo en eventos deportivos” e agradeceu o compromiso co deporte e especialmente co baloncesto que teñen todas as administracións e un club como o Peixe, “o que permitiu que haxa en Marín algo que antes non había, unha gran afición polo baloncesto”.