Definidas as Seleccións Galegas de Minibasket

– As seleccións galegas que representarán a Galicia no Campionato de España de Minibasket coñecen xa quenes serán os 24 xogadores (12 rapaces e 12 rapazas) que lles darán vida.

– Esta decisión, anunciada polas Seleccionadoras este domingo en A Estrada ao total dos preseleccionados, convértese no punto de inflexión de ambos os combinados de cara á recta final da súa preparación.

– Un Torneo amigable, cita para esta fin de semana en Allariz, porá agora a proba ás seleccións definitivas. Sobre a pista faranse evidentes as cuestións e os detalles a pulir.

A un mes escaso de que o balón salte ao aire na XXV edición do Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Minibasket, a Federación Galega de Baloncesto fai públicas as listas definitivas das dúas Seleccións Galegas que estarán nesta cita.

Dispostos a competir entre o 31 de marzo e o 4 de abril en San Fernando (Cádiz), os dous combinados galegos estarán formados por xogadores e xogadoras representantes de diferentes clubs (un total de 18) das catro provincias galegas.

Os novos seleccionados con Galicia son un total de 24 xogadores que levan traballando xunto a Paula Couto e Julia Pena, actuais seleccionadoras, ao longo de sete concentracións, iniciadas o pasado día 15 de xaneiro.

Agora toca apurar o paso, xestionar os recursos positivos que cada un dos bloques definitivos ten no seu haber, e mitigar aqueles detalles do xogo que non deben aparecer sobre a pista. Para todo isto, novo traballo por diante. En primeira instancia, o Torneo de Seleccións de Allariz, organizado pola propia FGB esta fin de semana (10 e 11 de marzo).

Agradecemento
Chegado este intre inevitable, no que se definen os equipos e se deixan atrás adestramentos e convivencias con moitos compañeiros, a Federación e os seus responsables deportivos desexan agradecer a todos os xogadores e xogadoras preseleccionados e partícipes desta etapa previa o seu compromiso para con este proxecto.

Así mesmo, o noso recoñecemento aos pais e titores de todos os xogadores que dende o pasado mes de xaneiro contribuíron a que os seus fillos puideran tomar parte das preseleccións. De seguro, a súa ilusión estará ben representada polos 24 compañeiros que conformarán a expedición galega nos Campionatos de España.

Selección Galega Minibasket Masculina – XXV Campionato de España
Selección Galega Minibasket Feminina – XXV Campionato de España

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram