A Área de Adestradores FGB conta os días para a posta en marcha dunha nova edición dos seus Cursos de Nivel 1 e Nivel 2. Arrincando o vindeiro 2 de xullo, neste 2016 será un total de 120 alumnos, 83 para N1 e 37 para N2, os que asuman o compromiso de dar un paso máis na súa formación, facéndoo da man da Federación Galega de Baloncesto e coa colaboración do Colexio Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela), en cuxas instalacións se levarán a cabo, por completo, as aulas.
A presente convocatoria dos Cursos presenta uns obxectivos formativos ambiciosos, fomentando a máxima interacción entre compañeiros, materias e grupo de profesores. Neste último caso, a lista de profesionais que integran o cadro docente desta edición non fai máis que refrendar a calidade que a FGB establece como base fundamental da oferta didáctica que traslada aos seus alumnos.
Baixo a dirección de Carlos Colinas, responsable máximo dos cursos, integrarán a relación de mestres un total de 17 técnicos galegos e expertos en diferentes áreas do deporte: Chiqui Barros, Antonio Pérez, Gonzalo R. Palmeiro, Víctor Pérez, Jacobo Rial, Rubén Domínguez, Carlos Maceiras, Cristino Menor, César Iglesias, Yago Casal, Rubén Vázquez, Rubén Vieira, Fernán Varela, Pino Díaz, Denis Pómbar, Leticia Fernández e Manuel Felpeto.
Ocampo, Masterclass
Como valor engadido á presente edición, a Área Deportiva FGB convida a participar nestes cursos a un nome propio de auténtica relevancia: o técnico ourensán que liderará á Selección Masculina U18 no Europeo; Diego Ocampo. A súa intervención incluirá unha masterclass, compartindo cos alumnos a súa impagable experiencia nos banquiños ao longo da súa traxectoria.
Entre todos, do dous ao oito de xullo, enriquecerase a xa de por si solvente marca #adestradorgalego.
Nos documentos que achegamos poden consultarse listado de alumnos, horarios dos cursos e relación de profesorado e materias correspondentes.
Cursos Nivel 1 e Nivel 2: alumnos 2016
Cursos Nivel 2: Materias
Cursos Nivel 1: Materias
Cursos Nivel 2: Horario
Cursos Nivel 1: Horario