– A cita está fixada para o vindeiro 9 de xuño. Un sábado no que celebrar a festa do Baloncesto Galego de Base da man do Grupo Correo Gallego e coa colaboración directa da Federación Galega e do seu Comité de Árbitros.
O Grupo Correo Gallego presentou esta mañá de martes a IX edición do Día Autonómico do Minibásquet, iniciativa que converterá a Compostela, o vindeiro 9 de xuño, no epicentro do Minibasket Galego.
A posta de longo desta convocatoria, xa tradicional, contou coa presenza do Subdirector Xeral de Deportes da Xunta de Galicia; Carlos Gómez; do Concelleiro de Deportes da cidade compostelá, Adrián Varela; e do Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín. Xuntos deron o pistoletazo de saída á que consideran unha iniciativa vital para a Base desde deporte.
Como representante da entidade federativa, Francisco Martín agradeceu que dende o Grupo Correo Gallego e o Concello de Santiago, como principais impulsores, se garantice que “un ano máis, e nestes tempos de crise, poidamos facer partícipes aos máis novos dun evento tan importante” co Baloncesto como protagonista.
O mandatario FGB non quixo esquecerse tampouco do apoio que brindan os restantes colaboradores directos deste IX Día Autonómico do Minibasket: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Coca-Cola, Blusens e Multiusos Fontes do Sar.
Na mesma liña manifestouse o Subdirector Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, Carlos Gómez, quen salientou a relevancia do Día do Mini, unha xornada na que “se coida o deporte de base” e na que se premian “aqueles brotes verdes que fan que logo o deporte dunha cidade e dunha Comunidade Autónoma poida adquirir éxito”.
Pechou a presentación o Concelleiro de Deportes de Compostela, Adrián Varela; reiterando o compromiso da institución santiaguesa para co Día do Mini, xornada que forma parte por pleno dereito do “patrimonio deportivo de Santiago”.
Cita indispensable co deporte e a diversión
O Día Autonómico do Minibasket é xa unha cita obrigada no calendario dos equipos galegos. Unha ocasión, case única, na que un total de 98 equipos, chegados de diferentes puntos de Galicia, disputarán no Multiusos Fontes do Sar un total de 104 encontros entre as categorías mini e premini.
Neste 2012 o torneo celebrarase coa mesma dinámica que en anteriores edicións. Desde as 09.30 h e ata as 19.30 h a competición reforzarase con espazos de esparcemento lúdico para todos os xogadores. As actividades extradeportivas estarán a cargo dos monitores de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco.
Pola súa banda, o apartado estritamente deportivo correrá a cargo da FGB e do seu Comité de Árbitros, o que concentrará a un total de 30 colexiados encargados de dirixir os encontros