Consulta á Asemblea FGB sobre o futuro das competicións 2019 – 2020

A Federación Galega de Baloncesto comunica, ante o escenario actual de parón de todas as competicións pola situación de alerta sanitaria e estado de alarma, que está a realizar unha consulta aos seus Asembleístas de cara a poder establecer o criterio do remate, ou non, da presente temporada, así como a fórmula máis axeitada de facelo no caso de que se teña que dar por finalizada a mesma.

Esta consulta, que se está a realizar de forma telemática e ten como prazo límite o vindeiro 10 de maio, contempla diferentes supostos que afectan ao futuro máis inmediato das competicións actuais, así como ás formulas posibles para pechar as mesmas sempre que as autoridades pertinentes non autoricen definitivamente a súa disputa.

Neste senso, a Federación Galega de Baloncesto remarca que o seu principal obxectivo neste intre é o de non poñer en risco, baixo ningún concepto, a saúde dos deportistas, adestradores, árbitros, oficiais de mesa, persoal deportivo ou directivo dos clubs e afeccionados. Así mesmo, continúa traballando consciente da necesidade de evitar que os clubs afronten unha carga económica e estrutural que se torna en evidente factor de risco ante a presente realidade.

Lembrar que esta entidade federativa permanece suxeita a un ERTE de carácter parcial que afecta á totalidade da súa plantilla, pero dispoñible ao contacto directo con todos os clubs e federados a través dos mails oficiais. Polo momento, e por cuestións de seguridade, a presenza física nas nosas oficinas continúa totalmente restrinxida.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram