Confianza e traballo: claves na primeira gran concentración das Preseleccións Minis

– Primeira concentración ampla para as Seleccións Galegas Minis a desta pasada fin de semana na vila de Noia. Co reto de configurar o equipo definitivo de 12 xogadores que finalmente viaxen ao Campionato de España (San Fernando – Cádiz, do 31 de marzo ao 1 de abril), as seleccionadoras traballaron cos rapaces, buscando o equilibrio dos seus bloques e anotando todas as súas posibilidades.

– Á súa vez, ambos os nosos combinados maduraron o seu xogo grazas á disputa de simbólicos encontros amigables ante equipos infantís de Compostela e da propia Noia. Coñezamos como foron avanzando:

Preselección Galega Mini Masculina – Concentración Noia (19 e 20 de febreiro de 2012)

Os galegos combinaron o seu plan de adestramentos coa desputa de dous encontros, esixentes e clarificadores de cara a todo o que resta por pulir.

(19/02/12) Galicia – Compañía de María Infantil (71 – 91)
Primeiro partido amigable para os representantes galegos máis novos coa camisola da selección galega. Cita na que, a pesar dos nervos propios do debut, foron capaces de poñer en práctica o traballado nas concentracións precedentes.

Grazas á intensidade defensiva e á súa velocidade en contraataque, unida á boa circulación do balón nos ataques estáticos, Galicia conseguiu chegar ao descanso cun empate no marcador fronte a un equipo, lembremos a súa categoría infantil, fisicamente superior.Unha vez renovado o partido, os xogadores galegos só foron capaces de manterse no partido durante oito minutos máis.

A partires do quinto sexto, aproveitando o desgaste físico realizado pola preselección na primeira parte, o equipo visitante abriu brecha no marcador. Seus eran os rápidos contraataques ante as precipitacións galegas. Ao remate desta primeira proba, 71 – 91 no electrónico para os preseleccionados.

(20/02/12) Galicia – C.B. Noia Infantil e Cadete (68 – 65)
Na súa segunda toma de contacto coa pista, os xogadores da preselección destacaron pola súa intensidade e entrega, a pesares de que o cansazo era latente.

A súa boa actitude defensiva marcou o partido, permitíndolles dispoñer de numerosas opcións en ataque en vantaxe ante un equipo, de novo, superior a nivel físico. A inexperiencia e a ansiedade apareceron a altura do terceiro sexto, levando a Galicia ao descanso por debaixo no marcador.

Xa na segunda parte, a volta á paciencia nas accións ofensivas, permitiunos rexistrar curtas vantaxes, propiciando un final de encontro en superioridade. Os nervos fixeron aquí aparición en forma de accións precipitadas e perdas de balón. Noia recuperaba alento e fechaba o resultado achegándose aos galegos, máis sen superalos (68 – 65)

Preselección Galega Mini Feminina – Concentración Noia (19 e 20 de febreiro de 2012)

Intenso o traballo das xogadoras de Julia Pena durante a súa estancia en Noia. Traballo en dobre sesión tanto o domingo 19 como o luns 20.

A seleccionadora buscou asentar os conceptos do xogo de ataque, facendo fincapé nas premisas máis básicas que, por suposto, seguirán desenvolvendo en futuras convocatorias. No seu caso, a disputa dun amigable sen apenas historia ante o equipo infantil do C.B. Noia, con vitoria avultada para as de Julia Pena, puxo o broche de ouro a esta primeira concentración dobre.

O pouco tempo de lecer que permitiron os adestramentos, aproveitouse para formalizar a integración entre todas as xogadoras. A programación de actividades lúdicas, coincidentes coa festividade e a temática do Antroido, serviu para afianzar os lazos entre todas as preseleccionadas, as cales lembremos que terán que compartir moitas horas de convivencia de acudir finalmente a cita co Campionato de España.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram