Comunicado Oficial FGB ante a suspensión das Competicións por parte da Xunta

A Xunta de Galicia comunicou a través do DOGA na noite do martes, 19 de xaneiro; a decisión de suspender as competicións federadas de ámbito autonómico ante a preocupante situación sanitaria en Galicia. Esta medida que, na tarde do mesmo martes e de forma esquemática, trasladou en reunión virtual coas Federacións o propio Secretario Xeral para o Deporte, supón a paralización das Ligas FGB actualmente en marcha e a adaptación da nosa realidade á orde publicada polo Diario Oficial de Galicia na medianoite pasada.

As novas instrucións, que entrarán en vigor a partir das 00.00 horas do xoves 21, aplicaranse a partir dese intre e todas as competicións FGB, quedando detidas ata nova orde por parte das institucións, permitíndose unicamente os adestramentos a nivel individual ou cun máximo de catro persoas. Así mesmo, estes adestramentos deberán respectar as limitacións de entrada e saída existentes en determinados ámbitos territoriais e o toque de queda actualmente marcado para as 22.00 h.

No relativo ás competicións federadas de ámbito nacional e aos seus adestramentos, estas poderán seguir realizándose en conformidade cos normas establecidas pola administración no seu caso e respectando os protocolos federativos correspondentes.

A Federación Galega de Baloncesto, consciente de que a saúde de todos está por diante sempre, e no seu compromiso constante de cumprir coas medidas sanitarias marcadas en cada momento polas autoridades pertinentes, acata estas novas medidas agardando que a complicada situación sanitaria actual encare a súa melloría canto antes. Así mesmo, continuará traballando para realizar as reestruturacións ou cambios precisos en formatos e datas de cara a volta as competicións cando estas se poida producir.

Dende a FGB confiamos no regreso do Baloncesto Federado, e agradecemos o máximo esforzo realizado por clubs, polos seus compoñentes, así como por colexiados e afeccionados para o cumprimento estrito do Protocolo FISICOVID DXTGALEGO FGB, que dende a súa aprobación o pasado 30 de setembro de 2020 permitiu a práctica do noso deporte dun xeito seguro nas circunstancias actuais.

DOGA – 19/01/21

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram