A capital galega actuou esta fin de semana como acolledor escenario para este programa lúdico deportivo, que contou coa presenza estelar do ex xogador estadounidense Bruce Bowen.
Promovido por BBVA e Adidas, entre outros; o “NBA 3×3 – BBVA” conta ademais en Galicia coa colaboración do Comité Galego de Árbitros da FGB.
O parque da Alameda de Santiago de Compostela viviu este sábado e domingo, a presenza do Tour “NBA 3×3 – BBVA”, un concepto que está a levar por toda España unha mestura perfecta de baloncesto e diversión.
Sorteando as inclemencias meteorolóxicas, máis dun cento de afeccionados ao baloncesto, con idades a partir dos 11 anos, deron renda solta ao seu talento co balón baixo o formato 3×3. Todos desfrutaron da competición en diferentes categorías, así como de diversos concursos e agasallos, sen deixar tampouco de lado unha grata sorpresa final: a presenza xunto a eles de Bruce Bowen, ex xogador de San Antonio Spurs, tres veces campión da NBA e cinco veces no mellor quinteto defensivo desa liga.
O alero estadounidense compartiu xogo, anécdotas e sorrisos cos presentes nesta cita coa NBA, evento que non abandona Galicia polo de agora, e xa se atopa rumbo ao seu novo destino: A Coruña.
29 e 30 de setembro, en A Coruña
A cidade herculina será a súa anfitrioa esta próxima fin de semana, 29 e 30 de setembro, nas instalacións do centro comercial Marineda City. Desde a organización xa está todo preparado para ofrecer, de novo, o mellor espectáculo posible, combinando, na mellor das sintonías, baloncesto 3×3 con puro entretemento.
Lembramos que para a participación en Marineda City a inscrición de equipos manterase aberta ata este xoves 27, ás 10.00 h. A ligazón para tramitar o proceso é a seguinte:
http://soy.bluebbva.com/me-divierto/nba/inscripcion/
Poden anotarse, completamente de balde, equipos de 3X3 en categoría U12, U14, U16 e Open (máis de 17 anos). Nas tres primeiras con competición feminina e masculina e, na denominada Open, nunha única categoría mixta.