“Claustro Docente FGB”: a tarefa de adestrar, en clave de análise

A Federación Galega de Baloncesto activou este sábado o seu “Claustro Docente FGB” para adestradores, iniciativa que contou co apoio da Deputación de Lugo e do C.B. Breogán, representado, en persoa, polo seu Conselleiro Delegado, Alberto Fernández.

Galería de Imaxes: “Claustro Docente FGB”

Proba superada con éxito e satisfacción. O “Claustro Docente FGB” para Adestradores Galegos estreouse este sábado, 7 de xuño; en Lugo recollendo gratas impresións entre os convocados e abrindo un prometedor proxecto que agarda estenderse na vindeira temporada.

Encabezados polo Presidente FGB, Francisco Martín; o Responsable Deportivo FGB; Carlos Colinas; e coa presenza do Director Deportivo FEB, Ángel Palmi, reuníronse no Gran Hotel de Lugo mais dun centenar de adestradores galegos, 18 integrantes do novo “Claustro Docente FGB” e moitos outros compañeiros, novos e veteranos, chegados de diferentes puntos da xeografía galega.

Intercambio de experiencias, debate sobre a realidade actual da figura do adestrador en Galicia e a sempre enriquecedora discusión sobre deporte, centraron o libro de ruta desta primeira xuntanza do Claustro Docente FGB, da que tamén chamou a atención a calidade dos seus participantes.

Adestradores da talla de Lisardo Gómez, Antonio Pérez, Chiqui Barros, Rubén Domínguez e Cristino Menor encabezaron coas súas intervencións un cartel que completaron o resto de integrantes e convidados ao Claustro, nomes que acumulan entre si vivencias e aprendizaxe nas pistas de Galicia e do resto do país.

Coa achega de todos eles, o “Claustro Docente FGB” realizouse nun clima de suma satisfacción ante a proposta de análise e debate, situación que alcanzou o seu clímax nun xantar de confraternidade no que non faltaron as quendas para a opinión.

Ángel Palmi: “xerar ilusión”
A primeira cita co “Claustro Docente FGB” tivo a oportunidade de contar co respaldo da Federación Española de Baloncesto, na persoa do seu Director Deportivo, Ángel Palmi.

phoca thumb l dsc06243

O representante FEB, quen se amosou encantado pola motivación e obxectivos desta nova iniciativa FGB, felicitou a todos os adestradores por formar parte da mesma e lembroulles que “o que nos une a todos é que debemos se capaces de xerar ilusión en todos os ámbitos” do noso deporte. O vital na labor do adestrador, lembrou Ángel Palmi, é “marcar obxectivos, e que estes sexan de todos: xogadores, adestradores e directivos”

Palmi, remarcando a importancia do papel do adestrador na “detección do talento” animou a todos os técnicos galegos a seguir mantendo esa imaxe de respecto e traballo que emiten e lembrou a importancia do Baloncesto, disciplina que chega máis alá e “ten un contrato coa sociedade española”.

Francisco Martín: Compromiso e Agradecementos
Pola súa banda, o Presidente FGB, Francisco Martín, non quixo pechar o Claustro sen antes agradecer a presencia e o compromiso dos participantes. Trasladando o seu desexo de que este proxecto da Área Deportiva FGB creza como se merece, e rendendo unha sentida homenaxe verbal ao traballo dos adestradores e adestradoras galegas no día a día, animou a continuar sempre nesta liña de debate.

“Claustro Docente FGB”: Cronograma.
“Claustro Docente FGB”: Integrantes.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram