Chega a “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”

A Federación Galega de Baloncesto promove a celebración da “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”.Avalada polo éxito e as boas valoracións recollidas tras a súa primeira edición, celebrada na pasada temporada, chega esta II Xornada, a celebrar en Ourense (Colexio Salesianos) o vindeiro domingo, 23 de febreiro.

O obxectivo de aunar a todos os activos e actores do actual Minibasket galego en pro do fomento dun modelo propio de traballo segue a ser o motivo principal desta segunda convocatoria. 

Durante a xornada do martes, 18 de febreiro; darase a coñecer o Programa Horario Completo desta “II Xornada de Harmonización”, abrindo á súa vez a posibilidade de inscribirse para a mesma.

O Minibasket Galego repite como protagonista principal dos intereses da FGB e faino a través da posta en marcha da “II Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”.

O Baloncesto en idade mini da nosa Comunidade Autónoma volverá a ser analizado e revisado polo miúdo dende as súas diferentes perspectivas, aquelas que afectan directamente á súa “Harmonización”: didáctica, competitiva, educacional e metodolóxica. O debate e a reflexión completarán este bloque.

O Colexio Salesianos, na cidade de Ourense, será este domingo, 23 de febreiro; a sede dunha serie completa de actividades que, dentro do marco desta “II Xornada”, ofrecerán as seguintes facetas:

Formativa

A “Aula Formativa do Adestrador Galego” renovará convocatoria no marco da “II Xornada de Harmonización”, ofrecendo unha nova sesión didáctica aberta a todos os adestradores que o desexen. O relator será o técnico axundate do Río Natura Monbus, Gonzalo Rodríguez Palmeiro. O adestrador santiagués guiará unha charla sobre “O Tiro: ampliar e rentabilizar espacios”

Competitiva

As Preseleccións Galegas de Minibasket non faltarán á cita na que a súa categoría é referente principal. Os xogadores e xogadoras convocadas polos Seleccionadores desta idade aproveitarán para realizar as súas sesións de adestramento nas instalacións do Colexio Salesianos.

Metodolóxica

O Programa de Tecnificación FGB fará escala nesta “II Xornada de Harmonización”, coa materialización de diferentes Centros de Tecnificación para xogadores e xogadoras nados nos anos 2003, 2004 e 2005.

Máis dunha centena de xogadores están citados, baixo convocatoria previa, a formar parte deste conxunto de CETIS, os cales estarán a cargo de técnicos cualificados e familiarizados coa xestión do Baloncesto Base.

Educacional

Os Pais, responsables directos dos xogadores e xogadoras presentes nesta “II Xornada de Harmonización”; así como os técnicos participantes da mesma, están chamados a asistir e dar vida a un coloquio que afondará nos aspectos menos visibles da categoría minibasket, pero non por iso menos importantes.

Este intercambio de visións e opinións estará encabezado, guiando o seu devir, por profesionais representantes das diferentes áreas que afectan ao noso deporte: Rubén Domínguez (Psicólogo e Adestrador de A.D. Cortegada en Liga Feminina 2), Fernando Romay (na faceta de ex xogador e pai) Miguel Ángel Pérez (Director Técnico do CGAB e Árbitro Internacional FIBA) e Leticia Fernández (Responsable da Área de Saúde FGB).

Debate

Como perfecto escenario para o debate, todos os adestradores asistentes están citados a achegar as súas reflexións sobre a “Situación do Minibasket Galego”. Baixo o formato de “Mesa Redonda” articularanse as cuestións que hoxe en día laten no corazón do noso Minibasket.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram