CGAB: Regresa a Formación “on line” para árbitros e oficiais

– O Comité Galego de Árbitros volve a apostar, nesta temporada 2013 – 2014, pola vía “on line” para formar a futuros colexiados e oficiais de mesa.

– A convocatoria dun novo curso baixo estas características, a celebrar entre o 23 de setembro e o 1 de outubro, abre de novo a posibilidade de achegarse ao mundo da arbitraxe a través do ordenador e con flexibilidade horaria. 

O presente mes de setembro é o escollido polo Comité Galego de Árbitros para por en marcha a primeira convocatoria formativa da temporada. Baixo o sistema “on line”, e coa data de inicio marcada para o día 23, actívaranse 9 días de aulas virtuais, as cales poderanse cursar segundo a elección dos alumnos.

Así, estableceranse dúas quendas diferentes, repartíndose unha en horario de mañá e outra en horario de tarde, e repetindo materia en cada tanda. Serán un total de sete sesións de dúas horas de duración cada unha.

A presenza física na cancha dos alumnos unicamente será necesaria en tres ocasións (6 horas), ubicándose como pistas de traballo as marcadas polas diferentes delegacións zonais FGB. Posteriormente, a avaliación dos coñecementos virá da man dun test on line e dunha imprescindible proba física, ambos de carácter non eliminatorio.

Programación
Regras de xogo, Anotador e Acta, Cronómetro e 24 segundos, Psicoloxía e coñecemento do xogo e iniciación á mecánica arbitral, entre outras, serán as materias sobre as que afondar, optimizando as posibilidades que a rede ofrece e fomentando a comunicación alumno – profesor.

Inscrición
Para tramitar a inscrición nesta Convocatoria os interesados poden facelo entregando a través do enderezo electrónico arbitros@fegaba.com ou, persoalmente, no departamento arbitral das Delegacións zonais FGB.

En ambos casos, deberán achegar o formulario de inscrición e o xustificante de pago da cota actual dos cursos de iniciación do CGAB: 20 euros, a ingresar de xeito previo ao curso na conta 2100 1455 11 0200136257 (la Caixa).

O CGAB resérvase a posibilidade de non realizar o curso se o número de alumnos inscritos non supera os 20.

Formulario Alta – Curso “On line”.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram