Carlos Maceiras regresa á “Aula Formativa do Adestrador Galego”

Carlos Maceiras, adestrador Superior e colaborador habitual da FGB en accións didácticas, volve a ser protagonista dunha sesión da “Aula Formativa do Adestrador Galego”, marco de actuación que coñece ben. A súa última presenza neste proxecto didáctico, realizada en Semana Santa, resultou todo un éxito.

A Área de Adestradores FGB conta unha vez máis con Carlos Maceiras,  técnico en Blanco Amor Ourense, para guiar unha nova convocatoria deste proxecto formativo, nesta ocasión escollendo Lugo como sede e marcando o vindeiro venres, 29 de maio; como data.

A partir das 18:30 h do indicado día, no Anexo ao Pazo Univesitario, Maceiras realizará unha completa intervención coa “Mellora da Percepeción e a Lectura en Iniciación” como eixo temático. A súa charla, que por suposto está aberta á participación de todos os técnicos galegos, servirá ademais como previa de excepción ao terceiro encontro dos Playoffs Finais Adecco Oro que nos brindarán C.B. Breogán e Club Ourense Baloncesto.

Inscrición e Validación Formativa
Respectando o proceder habitual de participación na “Aula Formativa do Adestrador Galego”, os adestradores interesados en tomar parte desta sesión poden facelo de balde sempre que o notifiquen previamente (e con data límite no xoves, 28 de maio) mediante o envío dun email a adestradores@fegaba.com (indicando nome, apelidos, data e título da charla).

O proceso de validación formativa para os alumnos dos Cursos FGB permanece activo tamén nesta ocasión, contabilizando a asistencia a esta “Aula Formativa” por un total de 4 HORAS de formación individual complementaria.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram