Carlos Colinas, novo Seleccionador Galego Feminino Absoluto

Carlos Colinas dirixirá á Selección Galega Feminina neste 2012. O actual adestrador do Real Club Celta de Vigo (LF) será o encargado de xestionar dende o banquillo a participación do Combinado Autonómico Galego nunha nova edición do Torneo das Nacións, cita xa tradicional para as nosas seleccións.

O técnico leonés, máis que afincado en Vigo, recibiu esta boa nova na tarde deste luns directamente por boca do presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín.

Escollendo a sede da Delegación Zonal en Vigo como escenario, a cabeza visible da FGB reuniuse con Colinas para trasladarlle, de xeito oficial, a responsabilidade de converterse no novo Seleccionador Galego Feminino e para transmitirlle a súa total confianza na tarefa de designar as xogadoras e o ao equipo técnico que o acompañará nesta aventura.

Recoñecemento a toda unha carreira
Con este nomeamento a FGB pretende recoñecer a laureada traxectoria de Colinas, unha carreira que non deixa indiferente a ninguén e que leva vinculada a Galicia máis de dúas décadas.

Ás súas costas, oito preseas nun total de 10 campionatos internacionais; Exitosas actuacións ao fronte das Seleccións nacionais de formación FEB, unha satisfactoria vivencia como Seleccionador Feminino Absoluto en Brasil e un longo periplo traballando no crecemento de novas xogadoras, tarefa que a día de hoxe vive tamén coa máxima implicación dende a dirección deportiva do Real Club Celta Baloncesto.

Este currículo, do máis laureado do Baloncesto nacional, suma agora o reto que supón configurar a Selección Galega que dispute a V edición do Torneo Feminino das Nacións, compartindo cartel con País Vasco e Cataluña. Esta competición amigable, para a cal se irán concretando os detalles nas vindeiras datas, será en maio e na casa, en Galicia, organizada pola propia Federación Galega de Baloncesto.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram