Carlos Colinas novo Director da Área Deportiva FGB

A Federación Galega de Baloncesto integra a Carlos Colinas como novo responsable directo da súa Área Deportiva.

O técnico leonés, cuxa carreira como adestrador leva vinculada a Galicia máis de dúas décadas, será o encargado de xestionar os programas federativos que abranguen conceptos estritamente deportivos. Deste xeito, seleccións, adestradores e formación a través da tecnificación serán as parcelas sobre as que recaerán as súas accións.

Con Carlos Colinas a FGB suma ao seu corpo de traballo un novo distintivo, avalado pola súa contrastada experiencia, e que dotará ao esquema deportivo FGB de renovadas liñas a seguir. O seu contacto cos vixentes seleccionadores galegos, así como cos actuais responsables técnicos nas sete Delegacións Zonais será constante.

Perfecto coñecedor do escenario actual do baloncesto base, sobre todo grazas á súa traxectoria como seleccionador FEB en categorías de formación ao longo de diferentes anos, Colinas afianza agora a súa relación coa FGB tras ter participado xa en anteriores temporadas como profesor en numerosos Cursos de Adestradores do ente federativo, así como ter desempregado tamén o papel de seleccionador galego feminino absoluto na última convocatoria deste bloque.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram