Carlos Colinas: “Debemos manter a actividade e impacto da marca #adestradorgalego”

O novo ciclo deportivo 2023 – 2024 comeza na Federación Galega de Baloncesto coa actualización da Escola Galega de Adestradores (EGA) e co regreso aos Cursos de Adestradores de ámbito federativo.

Esta nova etapa da EGA, con Carlos Colinas ao temón como Director, ábrese coa convocatoria dun renovado curso de Nivel 1 e cunhas ideas e ruta de traballo marcadas pola calidade, e as que quixemos coñecer, polo miúdo, gracias a o propio Carlos:

Renovada estrutura e punto de inflexión para a Escola Galega de Adestradores. Que caracteriza esta nova etapa na EGA?

É prioritario que o adestrador galego teña o camiño formativo axeitado ás súas necesidades e circunstancias. Pensamos que é un axente esencial no desenvolvemento do noso baloncesto. Combinar docencia, aprendizaxe e a mellora individual de cada adestrador, ofrece unha riqueza indubidable no seu desenvolvemento. Temos a responsabilidade de que todo o que o adestrador galego incorpore á súa bagaxe, repercutirá na mellora dos seus xogadores, xogadoras e equipos.

No escenario actual, que considerades que demanda, a nivel formativo, o #adestradorgalego para seguir crecendo?
O cronograma en canto a cursos, eventos formativos ou accións que se organicen, mesmo na esfera privada dos clubs, debe estar definido. O adestrador debe coñecer esa folla de ruta e adaptala ás súas obrigas diarias, tanto deportivas como persoais. Debemos manter a actividade e impacto da marca #adestradorgalego.

A ruta formativa FGB retorna aos cursos de carácter federativo. Cal é a motivación principal para este cambio?
Retomar o traxecto dos cursos federativos seguramente lles achega máis á inmediatez na súa formación e permítelles adestrar en determinadas categorías competitivas. A EGA está obrigada a escoitar o sentir do colectivo e dentro dos medios de que dispoñemos, atender as súas demandas. Cremos que as novas tecnoloxías e a formación en liña dan un plus a este traxecto formativo pero entendemos a presencialidade e o contacto directo entre membros do colectivo. como un dos maiores activos para a formación do adestrador.

– Atópachedes algunha dificultade especial á hora de configurar este novo roteiro didáctico?
Non especialmente. Fomos totalmente rigorosos en canto ao cumprimento curricular que marca o decreto que regula este tipo de ensinos. Dar sentido ao bloque común, ao bloque específico e xerar un bloque de prácticas axeitado á realidade de cada adestrador, é un impulso neste roteiro didáctico. Todo adestrador debe coñecer o camiño e as súas obrigas.

Que liñas marcan, pola vosa parte, a planificación e confección dá nova. Programación para cada curso: Nivel 0, Nivel 1 e Nivel 2?
En relación aos cursos de Iniciación (Nivel 0), optamos por fixalos de maneira establecida no calendario con Setembro e Xaneiro como datas únicas para a súa realización e sempre con ámbito zonal dentro de cada delegación, se existe demanda para iso.

Secuenciamos dentro de cada tempada deportiva un curso de Nivel 1 e outro de Nivel 2 que non se solapan en datas e realízanse de maneira consecutiva. Nesta tempada inicial 23/24, programaremos dous cursos de Nivel 1 de maneira excepcional para provocar unha fluidez en canto aos potenciais alumnos que iniciaron a ruta formativa, xa co seu título de nivel 0 realizado.

Como complemento á programación de cada curso, as actividades e eventos formativos que se organicen ou onde colabore a EGA, ofrecerán unha riqueza que beneficiará sempre aos alumnos.

O Prestixio e a calidade son sinais de identidade que veñen acompañando a formación FGB, grazas en moita medida, ao seu profesorado. Podemos coñecer xa algún nome para esta nova etapa?.
A FGB sempre tivo no seu ADN formativo contar coa extraordinaria calidade e xenerosidade dos adestradores docentes que Galicia ten no ámbito profesional, tanto na nosa terra como, actualmente, lonxe dela. Son os nosos mellores embaixadores e nunca darán as costas para manter a identidade que a EGA ten como unha das súas prioridades. Contamos con todos eles e elas xa que o potencial de Galicia nese sentido é un luxo.

– E mirando xa aos seguinte pasos non calendario: Datas estipuladas para o nivel 0 e o nivel 2?
As datas previstas comprenden para o Nivel 0: Setembro de 2023 e Xaneiro de 2024. E para o Nivel 2 de xaneiro a maio, 2024.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram