
A Delegación en Vigo da FGB gozou este martes da posibilidade de tecer un novo vínculo na relación entre colexiados e adestradores. A través da figura de Carlos Colinas, perfecto coñecedor dos pormenores desta temática, a zonal FGB brindou a ocasión de afondar, polo miúdo, en cales son os factores a ter en conta na conexión árbitro – adestrador.
O técnico celeste expuxo as súas impresións nun ambiente distendido, favorable ao intercambio de opinións e ante numeroso público, na súa maioría árbitros e oficiais de mesa.
Baseándose na súa experiencia nas pistas durante tantos anos, trazou un paralelismo entre as principais labores do árbitro e as do adestrador dentro da dinámica do partido, comparándoas en varias fases, e mesmo fora desta rutina, facendo referencia neste caso ao que un adestrador agarda dun colexiado.
Colinas ofreceu unha ponencia ben apoiada con material didáctico
Ante unha audiencia ben atenta, entre a que se atopaban o Presidente da FGB, Francisco Martín; o Vicepresidente Primeiro; Alberte Zato; e o Director Executivo da Delegación, José Luis Pérez; Colinas incidiu en aspectos clave como a formación tanto dos árbitros como dos adestradores. A cal, na súa opinión, debe ser titorizada por árbitros/adestradores con experiencia, cuestión que reforza o proceso.
Así mesmo, para o futuro, e coa colaboración de todos os presentes, deixou sobre a mesa ideas para fomentar unha maior participación neste tipo de charlas, así como nas actividades que busquen un maior grao de empatía entre ambos os colectivos. No beneficio de todos redundará unha maior ligazón entre os diferentes protagonistas do noso deporte.