Campionatos de España: Resultados Segunda Xornada


XXX Campionato de España de Seleccións Infantís – 24/03/13

INFANTIL FEMININO – Grupo Especial A

(17.30 h) (Río San Pedro – P. Real)
Galicia – Navarra (59 – 48)

Cita importante para o futuro galego no Campionato na que Galicia empezou un tanto imprecisa nos pases e acusando as baixas de Paloma González e Carmen Parada.

Navarra arrincou gozando de numerosas opcións de tiro que, para sorte das nosas, non acabaron en canastra. A igualdade dominou por completo os primeiros 10 minutos, deixando o tenteo do primeiro parcial nun axustado 14 – 12.

Este equilibrio sucedeuse de numerosos erros por parte de ambos equipos, un tanto cautos ante a importancia do partido e a necesidade de non deixar ao rival escaparse no marcador. Varias canastras consecutivas unidas a unha limpa
tripla facilitaban unha vantaxe de 7 puntos para as galegas. A resposta Navarra volvía entón a ser clara e, de novo, establecíase a igualdade. Todo aberto pois para a segunda metade.

O terceiro foi o mellor cuarto dun partido dominado claramente polas defensas de ambos bloques e no que o acerto galego no tiro exterior fixo que, aos poucos, as de Armando Otero se distanciasen no marcador e adquirisen a tranquilidade necesaria para afrontar os últimos dez minutos.

Galicia aferrouse á súa defensa para superar o último cuarto de partido. O bloqueo forte dos rebotes para non deixar segundas opcións ao rival e o seu ataque con tranquilidade á zona disposta polo adestrador navarro, Aner Janices,
levoulles a conseguir a máxima diferenza (+ 13) a falta de tan só 5 minutos.

As navarras tentárono entón coa presión e recuperaron algún balón, pero a tranquilidade das galegas facía correr o reloxo ao seu favor ata a crucial vitoria final.

INFANTIL MASCULINO – Grupo Especial A

(19.30 h) (Río San Pedro – P. Real)
Galicia – Castilla León (47 – 62)

No terceiro partido da nosa selección infantil neste campionato Galicia presentou un cambio na súa actitude. Metidos dende o inicio no encontro, acertados de cara o aro e activos en defensa, os xogadores de Ángel Castro semelleban coller o bo camiño. Pero non conseguiron distanciarse no marcador, acabando o cuarto lixeiramente (tres puntos) por debaixo no marcador.

O inicio do segundo cuarto foi bastante similar, pero os nosos deron un paso adiante en canto actividade defensiva, actitude que, sumada ao desacerto no tiro exterior dos rivais, foi clave para chegar ao descanso cunha vantaxe de 6 puntos, deixando en tan so catro puntos á selección castelá.

Desafortunadamente as tornas cambiaron na segunda metade do encontro. Paulatinamente foise desaparecendo a vantaxe, chegando a acabar por debaixo no terceiro e no derradeiro período, cando Galicia xa non era quen de despuntar.

Ao remate, un 47 a 62 en contra dunha Galicia que ofreceu unha mellor impresión que nos seus dous primeiros envites.

XXVI Campionato de España de Seleccións Minibasket – 24/03/13

MINIBASKET MASCULINO – Grupo Preferente D

(13.30 h) (Pavillón Compañía de María)
Galicia – Extremadura (34 -71)

Segundo día de competición para os xogadores dirixidos por Paula Couto e Alberto Pérez, e de novo sensacións similares ás colleitadas na negativa xornada de onte.

Os galegos saltaron á pista centrados en borrar a imaxe do seu primeiro encontro. Os primeiros compases deron sinais de recuperación, aplicando concentración e confianza ao seu xogo. Pero, de novo, a fortuna era esquiva e o acerto de cara ao aro non chegaba. Aínda así, os extremeños non era quen de afastarse demasiado no marcador.

O paso dos minutos tampouco aclarou o panorama. Diversos erros e despistes, tanto defensivos como ofensivos, foron minando a confianza dos nosos. Isto, unido ás evidentes desventaxes físicas e á diferenza de ritmos de xogo, esgotaba finalmente aos de Paula Couto e permitía aos extremeños estenderse cómodamente no marcador ata o 34-71 final.

MINIBASKET FEMININO – Grupo Preferente C

(17.30 h) (Pavillón Parque 1)
Galicia – Cantabria (64 – 54)

Nervios e erros galegos inauguraron un partido no queGalicia buscaba a súa segunda vitoria do Campionato. Cantabria atopábase cómoda en pista e daba o primeiro golpe cun parcial de 6 -13 que deixaba caras de preocupación no banquiño galego. Pero chegou o segundo cuarto e con el o ritmo e a dureza que lle facían falta ás de Nacho Silva para remontar e poñerse por enriba.

O terceiro, cuarto e quinto sexto convertéronse nun tira e afrouxa por non ceder a vitoria. Con tanteos apertados, tanto un equipo como o outro cometeron erros vitais e loitaron todos os balóns en “terra de ninguén”, chegando ao final deste cuarto cun aberto 47- 46.

Entón apareceu a mellor versión das nosas nenas, que saltaron ao campo convencidas da vitoria e, cun exemplar dominio de balón, e coa maior parte do tempo da posesión, realizaron grandes asistencias para finalizar baixo aro e finalmente conseguir un parcial 16-08 e o conseguinte trunfo.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram