Campionatos de España: Resultados 3º Xornada


XXX Campionato de España de Seleccións Infantís – 25/03/13

INFANTIL FEMININO – Grupo Especial A

(10.00 h) (C.D. Santi Petri)
Cataluña – Galicia (76 -56)

Semifinal en xogo entre Galicia e Cataluña. Nervios na pista, primeiras indecisións por parte das nosas e o equipo catalán castigando cun parcial de 7-0. Así foron os compases iniciais dun partido no que custou entrar. Pero esta Galicia infantil feminina sabe recompoñerse e así o fixo, a pesar do claro dominio rival no rebote ofensivo. As segundas e terceiras opcións catalás facían moito dano. Anotando con facilidade, Cataluña plantábase no cambio de cuarto cun claro 18 – 11.

Sabendo o que se xogaban, as nosas non se daban por vencidas. Os nervios do principio foron desaparecendo e aos poucos recuperouse a desvantaxe no marcador. Galicia non cedía terreo ante unha Cataluña hiper loitadora que seguía dominando o rebote, sobre todo ofensivo, para chegar ao descanso cun 35-29 ao seu favor.

Galicia regresou despistada da caseta, situación da que Cataluña sacaba petróleo para escaparse aínda máis, aínda que non o suficiente. Varias recuperacións defensivas das xogadoras de Armando Otero, así como un especial acerto en accións de ataque, levaba a Galicia a colocarse a tan só 4 puntos e, ata, a empatar o partido. Pero hoxe non parecía ser o día. O cansazo físico e tamén o mental comezaban a facer presión e así se chegaba ao final deste terceiro cuarto cun perigoso 50 – 44 en contra.

E comezaba o período que decidiría quen pasaba a semifinais por parte do grupo Especial A. Nos primeiros compases as distancias roldaron sempre os seis puntos, bailando as opcións cara a un ou outro lado da pista. Galicia, moi xusta de forzas, quería pero…non podía. Cataluña tampouco axudaba, e facía valer ouro o seu tiro de dous.

Os 3 últimos minutos do partido foron os da desesperación por intentar recortar distancias. O esforzo galego era evidente, pero a inquietude derivou en malas decisións no ataque e a diferenza no electrónico crecía ata os 20 puntos finais. Un tenteo que non reflicte a igualdade vivida en pista.Non puido ser, as catalás demostraron que seguen sendo unha gran selección.

Galicia abandonou o pavillón coa mente posta xa na loita polo 5º posto (12.00 h, martes 26, ante Canarias) e entre un sonoro aplauso de pais, compañeiros e afeccionados.

INFANTIL MASCULINO – Grupo Especial A

(12.00 h) (Chiclana 1)
Madrid – Galicia (76 – 25)

Último partido da fase de grupos, e enfronte a selección de Madrid e o xogador, polo de agora máis destacado do torneo, Luka Doncic.

Os nosos infantís saíron bastante concentrados e sen poñerlle as cousas fáciles a un patentísimo rival, que so puido anotar un par de canastras nos primeiros minutos. O cuarto proseguiu con bastante desacerto de ambos equipos, situación que pagou Galicia outorgándolle a Madrid unha vantaxe de 7 puntos no cambio de cuarto.

Nos segundos dez minutos a diferenza de físico entre os quintetos inclinaba a balanza en favor do equipo capitalino. Numerosas perdas e malos tiros galegos completaban unha mala combinación. Así, ao descanso, a vantaxe rival era xa de 36 puntos.

Tras o descanso, os nosos buscaron mellorar a imaxe amosada no anterior período, conseguindo para iso mellores tiros e un plus nas opcións de rebote. O que non cambiaba era a amplia diferenza no marcador.

Xa no derradeiro cuarto, e co partido absolutamente decidido, Galicia repartiu minutos entre todos os seus xogadores e xa coa vista posta no encontro de mañá, martes; que os enfrontará coa selección de Aragón na loita polo noveno posto.

XXVI Campionato de España de Seleccións Minibasket – 25/03/13

MINIBASKET MASCULINO – Grupo Preferente D

(13.30 h) (Pavillón Bahía Sur)
Murcia – Galicia (67 – 61)

Penúltimo partido para os alevíns galegos, que nesta ocasión saíron á pista cunhas ganas e actitude renovadas.
Aínda así, o pouco acerto en ataque durante os dous primeiros cuartos e certos erros defensivos propiciaron que os murcianos se despegaran lixeiramente no marcador, situando o luminoso nun 13-29 ao final do segundo sexto.

Esta vez, no canto de virse abaixo, os xogadores dirixidos por Paula Couto e Alberto Pérez foron crecendo segundo o partido seguía o seu curso. En primeiro lugar, superando as evidentes diferenzas físicas que lles perseguiron durante todo este campionato, e en segundo lugar, gañando en confianza e acerto de cara a canastra.

Os galegos foron ganando terreo no marcador, logrando parciais favorables nos seguintes períodos, chegando ao derradeiro sexto cun 44-56 en contra. Tras unha serie de balóns recuperados, aos que seguiron varias triplas convertidas no medio do desconcerto murciano, a nosa selección colocouse cun 58-59 en contra.

Un cambio nas filas do equipo contrario propiciou unha maior diferenza física e, tras dúas canastras en contra que os galegos non puideron evitar, chegouse ao final da cita cun 61-67 inapelable.

MINIBASKET FEMININO – Grupo Preferente C

(11.30 h) (Pavillón Bahía Sur)
Asturias – Galicia (35 – 60)

Os dous primeiros cuartos supuxeron xa o indicativo da superioridade do xogo galego, a pesar, incluso, das súas múltiples perdas e as súas escasas recuperacións. O rebote e o ritmo de xogo eran, sen embargo, parcela galega. Armas, que propiciaban a primeira e importante vantaxe das de Nacho Silva (06-24)

Os parciais do terceiro, cuarto e quinto sexto foron moi similares e ampliamente igualados. Esta vez, por parte das nosas nenas, equilibrábanse os erros, mentres que por parte Asturiana mellorábase en xogo defensivo. A distancia no marcador seguía crecendo para Galicia pero de xeito máis lento que no primeiro e fulgurante inicio. O aspecto positivo, a redución do número de faltas, disparado nos minutos previos.

E chegou o último sexto con outro recital de bo xogo. Galicia pechou o seu encontro xogando con calma e incrementando a súa vantaxe no electrónico. Un 35 – 60 final máis que satisfactoria, deixaba a mellor cara entre as minis e a alegría desbordante por acadar un máis que merecido ascenso ao grupo Especial.

(19.30 h) (Pavillón Bahía Sur)
Galicia – Melilla (64 – 13)

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram